Arrinca o ‘Ciencia de ida e volta’ da UVigo, sete meses con actividades para achegar a ciencia á cidadanía

O programa deste ano conta coa colaboración da FECYT.

Presentación do programa Ciencia de ida e volta, que conta coa colaboración da FECYT/ remitida

As actividades de divulgación científica e ciencia cidadá á Universidade de Vigo xa están de volta tras as difultades e cancelacións do 2020, e chegan precisamente baixo o nome ‘Ciencia de ida e volta’: un plan anual de actividades para o curso 2021-2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo.

Actividades que este curso estarán marcadas polo regreso á presencialidade “co obxectivo de promocionar e difundir a cultura científica, tecnolóxica e da innovación entre os diferentes axentes sociais”. As actividades levaranse a cabo entre este mes de decembro e o de xuño de 2022 nos tres campus.

Así, estudantado, comunidade universitaria e cidadanía, en xeral, poderán participar nas actividades que porán en valor e difundirán as investigacións que se realizan desde a Universidade de Vigo e que serán “unha canle de comunicación accesible e activa que sirva de aproximación entre as partes”.

O programa anual ten un orzamento de 91.000 euros, que proceden principalmente de fondos propios da UVigo e dunha achega da FECYT de 18.000 euros. De feito, esta é a primeira vez que unha proposta da UCC+i acada este tipo de financiamento e este apoio representa unha “cuestión reputacional e de prestixio”, recalca Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.

CIENCIA CIRCULAR

A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, explica que ‘ciencia de ida e volta’ representa “o movemento circular da ciencia, como as investigacións que facemos nas universidades chegan á sociedade e, ao contrario, como a sociedade nos propón novos retos e ideas, ou incluso, nos demanda novos aspectos sobre os que precisa ter máis coñecemento”.

A finalidade do programa, explica Belén Rubio, é “chegar a todo tipo de público, tanto escolares como mozos e mozas e persoas maiores, pero tamén á nosa propia comunidade universitaria”, xa que entre outras propostas, haberá accións formativas para mellorar as súas capacidades de comunicación e divulgación dos proxectos que desenvolven nos seus grupos de investigación.

SETE MESES DE EVENTOS E ACTIVIDADES

As accións deseñadas ao abeiro de Ciencia de ida e volta estenderanse ata finais da primavera. O máis inminente dentro do programa de actividades é o curso de formación para persoal investigador que dá comezo hoxe no campus de Vigo. Esta actividade achegará ás persoas participantes coñecementos sobre a organización de actividades de divulgación científica, comunicación da ciencia en redes sociais ou a divulgación a través de charlas.

Outra das propostas deste plan é a exposición itinerante ‘100 lunas cuadradas’. Tras o seu paso polo edificio Redeiras, a mostra trasladouse á Biblioteca do campus de Ourense, onde xa se pode visitar ata o 14 de febreiro. Trátase dunha compilación de fotografías feitas no Observatorio do Teide do Instituto de Astrofísica de Canarias e rende homenaxe á fotografía por permitir multiplicar os datos obtidos cos telescopios. Posteriormente trasladarase ao campus de Pontevedra e finalmente retornará a Vigo.

Outra iniciativa é a posta en marcha dun concurso de vídeos científicos destinado á comunidade investigadora da UVigo, para dar a coñecer o seu traballo ou algún contido científico nun máximo de dous minutos e dunha forma divulgativa e entretida en formato youtuber. Como actividade previa realizarase unha formación na que se achegarán as claves para o vídeo divulgativo “perfecto”.

No mes de febreiro, do día 1 ao 15, despregarase un amplo abano de actividades co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. Entre as propostas haberá charlas en centros escolares, os obradoiros para estudantes de secundaria de ElasFanCienTec ou unha proposta innovadora dirixida ao público adulto que consistirá nunha mesa redonda entre unha investigadora nova e unha xa consolidada.

Xa no mes de marzo celebrarase a feira científica A ciencia que vén, que xirará arredor de catro grandes áreas temáticas: medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e tecnoloxía, co fin de espertar as vocacións científicas nos máis cativos. Tamén na primavera arrincará a proposta de crear “embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento”, unha actividade que se desenvolverá en colaboración co Programa de Maiores da Universidade. 

Outra das propostas coincidirá coa celebración do Día Mundial da Saúde, o de 7 de abril, e o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño. Trátase dunha serie de podcast relacionados con estas dúas temáticas, con entrevistas con persoal investigador. Finalmente, o programa complétase cos obradoiros de astronomía Astrofamilias, nos que tanto nenas e nenos como adultos aprenderán a recoñecer as constelacións e a orientarse a través das estrelas, como os mariñeiros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here