Reabren o caso de Manuel Salgado, o empresario que apareceu morto nun garaxe de Vigo

O xuíz chegou a deter á exmuller da vítima, sen que a investigación chegara a porto. Agora, as pesquisas policiais comezan de novo.

Coche da Policía Nacional / Europa Press.

O xulgado de instrución número 4 de Vigo acordou reabrir o caso do empresario Manuel Salgado Fernández, que apareceu morto cun disparo na cabeza o 2 de abril de 2004, nun garaxe da rúa Rosalía de Castro da cidade olívica. Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz acordou a reapertura da causa e a ampliación da investigación policial, polo que é previsible que se realicen novas dilixencias, aínda que non transcendeu de momento ningunha desas probas, xa que se decretou o segredo das actuacións.

A única irmá e os sobriños da vítima levan un tempo reclamando a reapertura do procedemento. Así, contrataron os servizos dun equipo de criminólogos e foi un informe destes expertos, xunto á revisión das probas por parte de efectivos policiais, o que levou ao xulgado a decretar a reapertura dun caso que prescribirá en 2026, a non ser que se chame a declarar a alguén como imputado.

Fontes familiares explicaron a Europa Press que esta decisión xudicial “supón un gran paso”, e trasladaron a súa “esperanza” de que as novas dilixencias que se practiquen poidan esclarecer os feitos. “Nós vémolo moi evidente. Só hai que pensar quen se beneficiou do asasinato do meu tío. Pero faltan as probas”, apuntou un dos seus sobriños.

Tras o crime deste empresario, propietario do Colexio Lareira de Mos, a Policía detivo á súa exmujer (da que se separou nun proceso moi traumático, con denuncias cruzadas por varios delitos) e á parella sentimental dela, nunha investigación na que a principal hipótese era a motivación económica. Con todo, ambos tiñan coartada e os tribunais acabaron arquivando provisionalmente a causa contra eles en 2006.