O Consorcio do Casco Vello de Vigo adquire un novo inmoble no Berbés

Esta compra, por 150.000 euros, "permite avanzar na recuperación da fachada marítima do barrio histórico", indica a presidenta da entidade, Marta Fernández-Tapias.

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, ante o edificio dos xulgados / Xunta de Galicia - Arquivo.

O Consorcio do Casco Vello de Vigo, organismo rehabilitador participado nun 90 % pola Xunta e nun 10 % polo Concello olívico, adquiriu, por 150.000 euros, o inmoble situado no número 39 da Ribeira do Berbés.

Así o trasladou a presidenta da entidade e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, quen destacou que esta compra permite avanzar na recuperación da fachada marítima do barrio histórico, onde xa se rehabilitaron os números 29 e 31 da Ribeira (sedes actualmente do novo albergue de peregrinos e da Universidade de Vigo).

Así, o Consorcio mantén a súa estratexia de actuar na zona baixa do Casco Vello, especialmente na contorna da Praza do Berbés e Poboadores, onde a promoción privada atopa dificultades para acometer investimentos.

O edificio adquirido será rehabilitado para a construción de dúas vivendas de promoción pública, duns 80 metros cadrados, e dun baixo comercial. Desde o ano 2005, investíronse máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación no Casco Vello, coa adquisición de 82 inmobles e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica.