InicioPolíticaNingún grupo do Pleno vigués apoia a proposta do PP para cobrar...

Ningún grupo do Pleno vigués apoia a proposta do PP para cobrar o consumo de auga

O goberno local criticou o "filibusterismo político" do PP, por "dicir unha cousa e facer outra" e tentar "enganar aos cidadáns".

PUBLICADO O

O Pleno do Concello de Vigo rexeitou este mércores a moción presentada polo grupo do PP, que reclamaba a elaboración dunha nova ordenanza para fixar unha tarificación que cobre só polo consumo real da auga, e para reclamar máis control sobre a empresa concesionaria, Aqualia, e sobre as obras de ampliación da estación potabilizadora (ETAP) do Casal.

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, denunciou que o novo sistema de tarificación que entrou en vigor hai uns meses, non só non abaratou o recibo da auga dos vigueses, senón que o incrementou, ao aumentar o prezo dos conceptos fixos da factura.

Segundo sinalou, a orixe deste problema remóntase a un contrato de concesión que data dos anos 90 e que foi prorrogado dúas veces, a última a finais de 2020, en plena pandemia (como ocorreu coa concesión do servizo de bus urbano), por un período de cinco anos máis.

“O problema é que, en virtude dese contrato, garánteselle á empresa un prezo fixo, con criterios dos anos 90 (…) e se non o cobra, hai que indemnizala”, advertiu Marnotes.

Por outra banda, o portavoz do grupo ‘popular’ vinculou a subida do recibo da auga coa obra de modernización da ETAP, que asume a propia concesionaria (cun investimento de case 23 millóns de euros) e advertiu de que esa obra debe licitarse garantindo os principios de libre concorrencia e transparencia. Así mesmo, lamentou que non se faga con cargo a fondos europeos, para que os vigueses “paguen menos”.

NOVO MODELO DE XESTIÓN

Tanto Marea de Vigo como BNG lamentaron que o goberno local non aproveitase o fin da concesión para remunicipalizar o servizo de saneamento e abastecemento, e constataron que a nova forma de tarifar encareceu o recibo dunha gran parte de veciños.

Rubén Pérez cuestionou o suposto abaratamento do recibo cando a propia concesionaria “di que vai recadar o mesmo”. En todo caso, o portavoz de Marea de Vigo tachou de “infame” que o PP reclame unha nova tarifa cando o cambio no recibo e a introdución de novos conceptos fixos responden a unha adaptación a unha lei da Xunta.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou que a nova tarifa da auga en Vigo é “unha estafa política” e “unha traizón á loita veciñal de anos” contra un recibo da auga que non cobraba polo consumo real. Segundo indicou, os gastos fixos dese recibo pasaron de 7,6 a 28,6 euros e “este non é o modelo que pedían os veciños”.

Así mesmo, subliñou que o problema da auga en Vigo “non se resolve só cun cambio de tarifa”, senón que é necesario un “novo modelo de xestión” que pasa por “remunicipalizar o servizo”.

“FILIBUSTERISMO POLÍTICO”

Mentres, o goberno local criticou o “filibusterismo político” do PP, por “dicir unha cousa e facer outra” e tentar “enganar aos cidadáns”. Así o manifestou no Pleno o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quen proclamou que, coa nova tarificación, “ao 70 % dos vigueses non lles sobe o recibo da auga”.

Aneiros lembrou que o PP gobernou na cidade e non fixo nada por modificar o sistema de tarificación, e subliñou que a Xunta “non inviste nada” na cidade para mellorar o saneamento e abastecemento. Así, referiuse a a obra da nova ETAP, á que fai fronte “só Vigo”, a pesar de que a potabilizadora presta servizo a outros municipios da área.

A moción do grupo municipal do PP foi rexeitada, xa que só contou cos votos favorables do catro concelleiros deste grupo; mentres que o PSOE votou en contra, e Marea e BNG abstivéronse.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...