A CIG chama a mobilizarse en Vigo contra a crise do sector naval

Aseguran que o sector industrial segue caendo e ten xa 6.000 empregos menos que en 2009.

Estaleiro Barreras / Pedro Davila - Europa Press.

CIG chamou á participación na manifestación convocada en Vigo para esixir “solucións” ante a “grave crise” á que se enfronta o sector naval na comarca e “loitar” polo seu “futuro”. O secretario comarcal de CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lamentou que a crise industrial se agrave sen que o Goberno central e a Xunta “reaccionen e actúen para porlle freo”, segundo trasladou o sindicato.

De feito, resaltou que os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) mostran que o sector industrial non se atopa en proceso de recuperación e se mantén por baixo dos niveis anteriores á pandemia, ademais de contar con 6.100 empregados menos que en 2009.

Así as cousas, o sindicato afirmou que a situación é especialmente grave no sector naval e advertiu de que a “inacción” da Xunta e o Goberno pode “convertelos nos verdadeiros enterradores” desta actividade, que resulta “estratéxica e imprescindible para o futuro industrial da comarca”.

Nesta liña, Gonçalves denunciou os “atrancos” da Autoridade Portuaria, que “boicotean a recuperación da actividade nas antiga Factorías Vulcano”, mentres Hijos de J. Barreras “avanza sen freos cara a un escenario de liquidación”, “mantense a falta de traballo noutros estaleiros” e “a industria auxiliar continúa estrangulada” pola situación.

Así mesmo, lembrou que a CIG esixe desde hai tempo unha reacción das administracións e a súa aposta por unha intervención pública para blindar o sector e garantir a continuidade da actividade e o emprego. En concreto, a manifestación convocada pola CIG partirá do cruzamento da Doblada ás 19,00 horas, tras o que percorrerá as rúas da cidade olívica ata concluír ante a Delegación Territorial da Xunta.