InicioVigo e contornaVigoRecollida de ADN para tentar dar co asasino de Déborah Fernández 19...

Recollida de ADN para tentar dar co asasino de Déborah Fernández 19 anos despois

A nai da rapaza pide celeridade para evitar que os feitos prescriban.

PUBLICADO O

Axentes da Policía Científica recollen este martes mostras de ADN dunha trintena de persoas que foron citadas para acudir á Comisaría de Vigo, no marco das dilixencias autorizadas polo xulgado que investiga a morte da moza Déborah Fernández-Cervera, desaparecida na cidade olívica a finais de abril de 2002 e cuxo cadáver foi localizado días máis tarde nunha cuneta no municipio do Rosal.

Entre as persoas citadas, que acoden voluntariamente a entregar a súa mostra, estivo a nai da vítima, Rosa Neira, que manifestou á súa saída da Comisaría a súa esperanza de que se axilicen os tempos da análise destas probas, dado que o prazo de prescrición do crime se aproxima.

Respecto diso, lamentou a lentitude coa que se están resolvendo as dilixencias e puxo como exemplo os resultados dos estudos biolóxicos realizados a partir da exhumación do cadáver de Déborah, que aínda non foron notificados. Rosa Neira recoñeceu que todo este proceso, que se iniciou hai case 20 anos, cun arquivo xudicial polo medio e unha reapertura a finais de 2019, “é esgotador”. “Levamos 20 anos esperando (…), pero somos mariñeiros e seguiremos remando”, sentenciou.

COTEJOS DE MOSTRAS

Pola súa banda, a irmá de Déborah, Rosa Fernández-Cervera, explicou que este cribado de mostras de ADN, para o que foron citados, ademais da súa nai, persoas da contorna da nova falecida, “servirá para descartar”. Así, os resultados obtidos cotexaranse cos restos biolóxicos que se localizaron no corpo da moza tras a súa exhumación, coa corda localizada á beira do cadáver e con dous pelos identificados na mesa da autopsia inicial.

Do mesmo xeito que a súa nai, expresou o seu desexo de que a análise destas mostras e os cotexos se poidan facer “a tempo”, antes da prescrición do caso (entre abril e maio do ano que vén) porque, pola contra, “non servirían de nada”. “Parece que ao xulgado non lle preocupa o prazo de prescrición”, sinalou.

En todo caso, valorou que se autorizou esta recollida de mostras e os cotejos porque, segundo lembrou, as mostras que se recolleron ata agora no marco da investigación foran comparadas con “o ADN introducido post-mortem” no corpo da vítima, uns restos biolóxicos (seme) que, segundo sostén a familia e segundo se reflicte nun informe criminalístico e no ateigado policial de 2010, foron colocados expresamente no corpo da falecida para dar pistas falsas e desviar as pescudas do verdadeiro autor da morte.

Ademais deste cribado, o xulgado tamén autorizou a investigación de diferentes vehículos que, segundo informacións dos primeiros días tras o crime, foran vistos na zona na que desapareceu Déborah Fernández e na zona na que apareceu o seu cadáver. Estes vehículos foron identificados no seu día pero non foron investigados policialmente.

ÚLTIMAS

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...

Piden seis anos para un acusado por tocamentos a unha menor en Vigo

Un home que foi xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia Provincial de...