Proxecto piloto entre UVigo e Afaga para a atención domiciliaria a enfermos de Alzheimer a través dunha ‘app’

No acto de presentación do proxecto, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mostrouse "especialmente orgulloso" da colaboración dos investigadores con Afaga, e valorou que os proxectos dos científicos teñan "unha aplicación inmediata no benestar dos cidadáns".

A xestora territorial da Fundación A Caixa, Susan Santos; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, na presentación do proxecto 'En Compañía'.

A Universidade de Vigo e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga) resultaron seleccionados nunha convocatoria da Fundación A Caixa para promover a atención ao envellecemento e a autonomía persoal, e puxeron en marcha o proxecto piloto ‘En Compañía’, que permite a atención domiciliaria a enfermos de Alzheimer a través dunha ‘app’.

O proxecto foi desenvolvido polo Grupo de Tecnoloxía da Información do centro de investigación atlanTTic e consiste nunha aplicación instalada nun dispositivo electrónico, como unha ‘tablet’, que permite aos usuarios manter conversacións cun personaxe. Este personaxe establece un diálogo sinxelo coa persoa maior, a partir de noticias de actualidade.

Así, ofrécelle ao usuario unha noticia breve e faille preguntas sinxelas sobre esa noticia e aspectos relacionados tanto con esa información como coa súa propia vida. Por exemplo, a persoa maior pode ler e escoitar que a cidade de Xerusalén reabriuse ás visitas estranxeiras tras a pandemia, e o personaxe que aparece en pantalla pregunta ao usuario se estivo algunha vez nesa cidade, o motivo da viaxe ou se lembra os datos da noticia.

Deste xeito, esa persoa non só sente acompañada e pode ter un momento de charla, senón que a aplicación tamén a está avaliando sen que se dea conta, e pode estudar unha posible deterioración ao longo dos días.

INVESTIGACIÓN PARA O BENESTAR DAS PERSOAS

No acto de presentación do proxecto, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mostrouse “especialmente orgulloso” da colaboración dos investigadores con Afaga, e valorou que os proxectos dos científicos teñan “unha aplicación inmediata no benestar dos cidadáns”.

Pola súa banda, o presidente de Afaga agradeceu o compromiso da institución académica, que tamén colabora noutros proxectos coa asociación, e explicou que este proxecto piloto, que se vai a desenvolver en Vigo e en Baiona, pretende dar resposta a unha realidade que se agravou durante a pandemia de Covid.

Respecto diso, tanto o presidente como a coordinadora de servizos a domicilio de Afaga subliñaron que a crise sanitaria incidiu no “illamento” das persoas con Alzheimer nos domicilios, moitos deles sen ter coidador ou coidadora, o que tivo como resultado un incremento na súa deterioración e na demanda de servizos de estimulación para estes enfermos.

A xestora territorial da Fundación A Caixa, Susan Santos, explicou que, na última convocatoria de axudas para iniciativas de apoio ao envellecemento e autonomía persoal presentáronse 1.600 proxectos, dos que foron seleccionados 216. ‘En Compañía’ é un dos proxectos elixidos e contou con apoio económico e outros recursos da Fundación.