InicioSociedadeA Universidade de Vigo aproba a maior OPE da súa historia, 111...

A Universidade de Vigo aproba a maior OPE da súa historia, 111 prazas

O acordo adoptouse por asentimiento e supón, segundo recalcou o reitor, Manuel Reigosa, dar resposta a algo "que a comunidade universitaria esperaba hai tempo".

PUBLICADO O

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu luz verde este mércores á maior Oferta Pública de Emprego da súa historia para persoal docente e investigador (PDI), ao aprobar a convocataria de 111 prazas, das que 23 son para profesor/a contratado/a doutor/a, outras 56 para profesor/a titular e 32 prazas de catedrático/a.

O acordo adoptouse por asentimiento e supón, segundo recalcou o reitor, Manuel Reigosa, dar resposta a algo “que a comunidade universitaria esperaba hai tempo”.

A OPE permitirá eliminar as bolsas de acreditados a catedráticos e catedráticas da universidade e titulares de universidade sen praza. Así, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, subliñou que se conseguiu “un reto importante” xa que, desde 2018 ata a actualidade hai 235 persoas esperando por unha praza e, coa OPE de 64 prazas de 2020 e a de 111 aprobada este mércores, autorízanse 224 prazas.

Iso supón, recalcou, “baleirar as listas de acreditados a catedrático e titular, e reducir nun 25 % a lista de espera de contratados doutores e interinos pendentes da convocatoria de praza fixa“. Así as cousas, quedan pendentes 11 prazas para a OPE de 2022, todas elas cunha antigüidade menor de dous anos.

A estas prazas súmanse, por unha banda, as 26 que se crearon para a consolidación de investigadores de alto nivel en prazas de titular e contratado doutor, así como as dúas prazas creadas para atender necesidades especiais (unha de contratado doutor e unha de catedrático); por outro, engádense 24 prazas adicionais de catedrático para persoas que se acrediten nos próximos meses (e que non terán que esperar á seguinte OPE).

FUNCIONARIZACIÓN DE PAS

Por outra banda, o Consello de Goberno da UVigo ratificou o acordo de funcionarización do Persoal de Administración e Servizos (PAS), do que poderá beneficiarse na primeira convocatoria o 71 % de persoal laboral fixo deste colectivo (254 postos dun total de 335).

A xerente da institución académica, Raquel Souto, subliñou a importancia deste acordo, que permitirá “unha mellor xestión dos recuros humanos” e que, segundo o vicerreitor José González Groba, favorece a “estabilidade e a seguridade no emprego”.

O acceso á condición de funcionario do PAS laboral fixo farase en tres fases, que comezan coa integración do persoal no seu correlativo grupo ou subgrupo funcionarial (segundo a titulación), continúan coa creación de escalas e subescalas para catalogar os postos, e acaban coa superación do proceso selectivo previsto no acordo.

Ademais, aprobouse a Relación de Postos de Traballo (RPT) derivada deste acordo e a intención do equipo de goberno da UVigo é nomear unha comisión e presentar unha proposta de convocatoria para a súa negociación, co fin de tela resolta “no primeiro semestre de 2022”.

OUTROS ACORDOS

O Consello de Goberno da institución académica viguesa tamén aprobou as memorias para as solicitudes de verificación do grao e do Máster en Intelixencia Artificial e do Máster de ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua.

Así mesmo, presentouse, por parte da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, a Memoria de Responsabilidade Social da UVigo do ano 2020.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...