A oposición afea a Caballero a “propaganda” das contas do Concello de Vigo

O Concello defende o saneamento do ente local, pero PP, BNG e Marea denuncian a baixa taxa de execución orzamentaria.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostra un plano da cidade co trazado do tren a Bouzas.. CONCELLO DE VIGO

A oposición do Concello de Vigo volveu a denunciar este mércores nunha sesión plenaria a baixa execución orzamentaria do goberno municipal presidido por Abel Caballero, a pesar da “propaganda” e os anuncios de obras “que non se executan”.

Así o trasladaron os representantes de PP, Marea de Vigo e BNG despois de que o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, dese conta ante o Pleno do plan anual de auditoría do Concello, das liñas fundamentais do orzamento municipal para 2022 e do estado de execución de gastos e ingresos do terceiro trimestre do orzamento actual.

Aneiros puxo en valor os bos datos financeiros da administración local viguesa, os investimentos levados a cabo, as dotacións destinadas a políticas sociais ou os prazos coa que o Concello paga aos seus provedores (10 días). Todo iso, insistiu, “con débeda cero e coa presión fiscal máis baixa de Galicia”. O edil socialista subliñou que Vigo “é un referente” a nivel de xestión financeira e lembrou que, actualmente, hai 79 obras en plena execución na cidade.

“AUTOBOMBO” E “PAPEL MOLLADO”

Fronte a esta posición, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, lembrou que o goberno de Abel Caballero ten sen executar decenas de millóns de euros do actual orzamento e lamentou que “nunca tendo tanto se fai tan pouco”. “O autobombo non vale para nada cando se executa menos que ninguén”, apuntou, e recalcou que “a baixa execución orzamentaria é un signo de ineficacia” e que uns orzamentos que non se executan “son papel mollado”.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, tamén afeou ao equipo de Caballero o seu “paupérrimo nivel de execución orzamentaria” que, “como o propio goberno local recoñece” nos seus informes, “non chegará este ano ao 45 % no que respecta aos investimentos”. “Iso si, hai anuncios e propaganda, pero non serve de nada prometer cousas para executalas tres anos despois, é unha fraude (…), en cambio, o que ten que ver co Nadal, iso si que se adxudica a velocidade de Fórmula 1″, apostilou.

Mentres, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que a inexecución orzamentaria do Concello olívico “é de marca olímpica” e que o goberno local ten, a estas alturas de ano, “sen executar o 60 %” das contas; mentres, engadiu, a 30 de setembro só se executou o 15 % dos 106 millóns previstos para investimentos. “Este é un goberno que autobombo e propaganda. Nunca dispondo de tanto se fixo tan pouco”, proclamou.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here