InicioSucesos32 anos e medio de cárcere para o cura do Salesianos de...

32 anos e medio de cárcere para o cura do Salesianos de Vigo que abusou sexualmente de seis menores

A condena tamén lle impón 36 anos de liberdade vixiada.

PUBLICADO O

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 32 anos e medio de prisión e a 36 anos de liberdade vixiada ao sacerdote Segundo C.V., por abusar sexualmente de seis menores, alumnos do Colexio Salesianos de Vigo, onde o procesado daba clases.

Segundo a sentenza, os feitos ocorreron durante un campamento na localidade de Cambados e tamén nunha peregrinación a Santiago de Compostela. Ademais, outro dos menores foi abusado na sede dunha asociación xuvenil vinculada ao Colexio, mentres vía un partido de fútbol.

O tribunal considera acreditado que Segundo C.V., aproveitando a súa condición de superioridade, ao ser profesor dos mozos e monitor nas súas actividades extraescolares, abusou sexualmente de varios deles. Así, ve probado que, durante unha peregrinación a Santiago de Compostela, en abril de 2019, este sacerdote realizou tocamentos nos xenitais a dous menores pola noite.

A Audiencia tamén ve probado que, en xullo dese ano, nun campamento xuvenil en Cambados, o acusado repetiu eses abusos e realizou tocamentos nas súas partes íntimas a un dos menores dos que xa abusara durante a realización do Camiño de Santiago, e a outros tres mozos.

TOCAMENTOS

Segundo recóllese na sentenza, o modo de actuar era sempre moi parecido: o acusado achegábase aos mozos cando estes durmían e tocáballes por encima do pixama ou, algunhas veces, por dentro da roupa. Os menores, ao decatarse do que ocorría, trataban de eludir ao seu profesor virándose, pechando o seu saco de durmir ou mesmo póndose unha almofada entre as pernas.

Dado que a relación do acusado cos mozos era de amizade e confianza, as vítimas quedaban en estado de ‘shock’ cando sufrían os tocamentos, e algún deles dubidou á hora de denuncialos por medo a que non lle cresen e por vergoña.

Ademais deses episodios, o tribunal atribúelle outro delito de abusos, cometido sobre outro menor en xuño de 2019. Nese caso, os feitos ocorreron na sede dunha asociación xuvenil vinculada ao colexio dos Salesianos en Vigo, onde o acusado se atopaba vendo un partido de fútbol con outros mozos.

Alí, aproveitando que se achegaba a falar cun dos mozos, puxo a súa man nos xenitais do menor que estaba ao seu lado. Cando o mozo se decatou, levantouse a por bebidas e, para evitar sentar de novo xunto a Segundo, acabou acomodándose no chan con outros compañeiros.

DELITOS E CONDENA

En total, a Audiencia sinala que foron seis os mozos afectados, e que sobre eles Segundo C.V. cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados. En todos os casos, sinalou o tribunal, deuse a circunstancia agravante de abuso de superioridade.

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espúreo ou por interese de prexudicar ao procesado. Ao contrario, na súa resolución lembraron que o acusado “non era só un profesor, era o seu amigo, o seu referente”.

Ademais, incidiron, os psicólogos forenses que os examinaron determinaron que todos padeceron, como consecuencia deses abusos, danos psicólogicos en maior ou menor grao, compatibles cos feitos que se axuizaron.

En definitiva, a Audiencia apuntou que os menores non gañaron nada denunciando os feitos, senón que, por contra, “sufriron as insidias e menosprecios doutros compañeiros que os chamaron mentireiros”.

Por todos estes feitos, o tribunal condenou a Segundo C.V. a penas que suman 32 anos e medio de cárcere, e 36 anos de liberdade vixiada. Ademais, terán que manterse afastado das súas vítimas entre 4 e 9 anos, e será inhabilitado durante 31 anos para o exercicio de cargo, profesión ou oficio que requira contacto con menores.

Na sentenza tamén se recolle que todos os menores sufriron trastornos de conduta, ou de tensión postraumática nalgún caso. Así, as vítimas padeceron problemas de soño, pesadelos recorrentes, baixo rendemento escolar, síntomas depresivos, de irritabilidad, comportamento desconfiado e outras secuelas.

Por eses danos, a Audiencia establece que o acusado, xunto coa Congregación San Francisco de Sales e a Inspectoría Salesiana Santiago o Maior indemnicen aos mozos en cantidades que suman 76.000 euros.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...