12 anos de internamento psiquiátrico por tentar asasinar a súa nai en Vigo

É o que pide a Fiscalía para un home que padece unha esquizofrenia paranoide e que atacou a súa nai cunhas tesoiras mentres durmía no seu domicilio de Vigo.

Audiencia Provincial de Pontevedra.

A Fiscalía pide 12 anos de internamento nun centro psiquiátrico para un acusado dun asasinato en grao de tentativa, que atacou á súa nai cunhas tesoiras mentres durmía no seu domicilio de Vigo, e que será xulgado este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

Segundo se recolle no escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron sobre as 6,00 horas do día 7 de novembro de 2019, cando o acusado se dirixiu á habitación onde durmían os seus pais e, achegándose á súa nai, cravoulle repetidas veces unhas tesoiras nos brazos e no peito, mentres lle dicía “voute matar, es a culpable de todo”.

O procesado padece unha esquizofrenia paranoide e, no momento destes feitos, sufría unha descompensación psicótica aguda que anulaba as súas capacidades volitivas e intelectivas. Os xulgados ditaron tras estes feitos unha medida de afastamento do agresor con respecto á nai, pero ambos retomaron posteriormente o contacto, de forma supervisada e baixo control médico, no centro no que o acusado foi ingresado.

EXIMENTE DE ALTERACIÓN PSÍQUICA

Por estes feitos, a Fiscalía considérao autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coa aplicación da agravante de parentesto e a circunstancia eximente de alteración psíquica.

Así, pide que sexa internado 12 anos nun centro especializado e, aínda que reclama unha medida de afastamento da súa nai polo mesmo período de tempo, establece que se lles permita manter contacto, a condición de que sexa como ata agora, baixo supervisión e nunha contorna controlada. Tamén solicita que indemnice á vítima en 6.000 euros.