InicioPolíticaO pleno de Vigo aproba conxelar taxas municipais mentres a oposición critica...

O pleno de Vigo aproba conxelar taxas municipais mentres a oposición critica a falta de investimentos

O pleno tamén aprobou unha moción de PSOE (cos únicos votos deste grupo, a abstención de Marea e BNG, e o voto contrario do PP) na que se insta á Xunta de Galicia a "asumir a responsabilidade política, coas dimisións que correspondan" por non conseguir executar a ampliación do Instituto Feiral de Vigo, Ifevi.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno do Concello de Vigo deu luz verde este mércores, en sesión ordinaria, á modificación da ordenanza fiscal xeral (e tamén ás relativas a taxas de medio ambiente e servizos de baleirado de pozos negros e fosas sépticas), cos votos favorables do grupo socialista e o voto contrario de todos os partidos da oposición.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu que hai “unha conxelación total” das taxas e impostos municipais, que non se actualizarán co IPC, o que supón que o Concello deixará de ingresar máis de 4 millóns de euros. A isto súmanse as bonificacións que xa se aplican a diversas actividades e servizos, e que suman uns 17 millóns de euros.

O edil do grupo socialista insistiu en que Vigo ten “a presión fiscal máis baixa de Galicia” e, ante a insistencia do PP para que se baixen os impostos, instou a este grupo a “ser valente” e dicir “que servizos recortaría con esa baixada de impostos“.

O portavoz do grupo ‘popular’, Alfonso Marnotes, denunciou que “é unha provocación” levar a pleno unha modificación de taxas que, en realidade, só supón deducións por valor de 220.000 euros. “É unha burla dicir que conxelan impostos cando, antes da pandemia, subíronos un 2,5 %, e encima non son capaces de executar o seu orzamento de gasto (…), faría falta unha revisión completa de todas as ordenanzas fiscais”, proclamou, á vez que criticou que, desde que Abel Caballero é alcalde, os vigueses pasaron de pagar 435 euros ao ano en impostos municipais, a pagar 515 euros.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, lamentou que non se adopten medidas fiscais e “bonificacións en serio”, tendo en conta que o Concello recibirá ingresos extra no marco da estratexia de recuperación post-pandemia e prognosticou que, se o goberno local mantén a liña dos últimos anos, deixará de executar “entre o 40 e o 60 %” dos investimentos.

Na mesma liña, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, denunciou a “inejecución” orzamentaria que, vaticinou, “en 2021 baterá marcas”. “Este goberno local é unha máquina de xerar remanentes”, afirmou e lamentou que o goberno non aproveite a boa situación finaciera da administración municipal para implementar “unha fiscalidade socialmente máis xusta”, con maiores imposicións ás grandes empresas e axudas directas a sectores como os pequenos comerciantes.

AMPLIACIÓN DO IFEVI

Por outra banda, o pleno tamén aprobou unha moción de PSOE (cos únicos votos deste grupo, a abstención de Marea e BNG, e o voto contrario do PP) na que se insta á Xunta de Galicia a “asumir a responsabilidade política, coas dimisións que correspondan” por non conseguir executar a ampliación do Instituto Feiral de Vigo, Ifevi, no prazo prometido, “ocasionando un grave prexuízo a Conxemar e á economía da cidade”.

O portavoz socialista, Carlos López Font, defendeu esta moción denunciando os “reiterados atrasos e entorpecimientos” por parte da Xunta no que respecta a actuacións en Vigo, pondo como exemplo o recinto feiral, e concluíu que a cidade está “esquecida e boicoteada” por parte do goberno de Núñez Feijóo.

Respecto diso, criticou a “pasividade” e a retardación de trámites para abordar a ampliación do Ifevi, así como as “mentiras” da conselleira Ethel Vázquez, que en maio pasado visitou as obras e asegurou que estarían terminadas en setembro.

O PP denunciou que a moción do grupo de goberno “cheira a oportunismo e demagoxia”, cando é a Xunta a que investiu máis de 17 millóns de euros nese recinto, e cando as últimas ampliacións foron posibles grazas a unha lei autonómica que permite facer as obras a pesar da anulación da PXOM vigués.

Pola súa banda, tanto Marea como BNG criticaron que o Ifevi se utilice na confrontación política entre Abel Caballero e Núñez Feijóo, e ironizaron sobre as acusacións de atraso do goberno local. Así, lembraron aos edís socialistas os prazos incumpridos en proxectos municipais como a reforma do estadio Abanca Balaídos, as ‘humanizacións’, a Vía Verde ou o Paseo de Bouzas.

Na sesión plenaria deste mércores aprobáronse outras mocións, como a presentada polo PSOE para instar o goberno galego a retirar o anteproxecto de lei para mellorar a xestión do ciclo da auga; ou outra para pedir á Xunta que transfira 2 millóns de euros ao Concello para custear os comedores, aulas matinais e bolsas de libros e comida para escolares.

ÚLTIMAS

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...

O goberno de Vigo rexeita debater unha moción urxente sobre as festas

O grupo municipal do PSOE de Vigo rexeitou este luns debater unha moción de...