InicioVigo e contornaVigoO PP négase a nacionalizar o estaleiro de Barreras

O PP négase a nacionalizar o estaleiro de Barreras

Defenden que non é a solución e poñen o exemplo de Navantia.

PUBLICADO O

Os populares pronunciáronse en contra –á espera de que se vote– dunha moción impulsada polo BNG na que, entre outras cuestións, os nacionalistas pedían a participación pública directa para “consolidar” o estaleiro vigués de Barreras. Segundo defendeu Teresa Egerique, quen puxo como exemplo que o estaleiro ferrolán de Navantia está “baleiro”, a “nacionalización” non é unha “solución”.

No pleno, a parlamentaria popular tamén defendeu o compromiso do Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo co sector naval e cifrou ao redor dos 100 millóns de euros os “investimentos mobilizados” para este sector desde que o dos Peares asumiu a Presidencia da Xunta en 2009.

Ao tempo, lamentou a falta de “autocrítica” da oposición e puxo o foco no Goberno central, apuntando á ministra de Industria, Reyes Maroto, antes de insistir en que a iniciativa impulsada polos nacionalistas inclúe outras “accións xa realizadas” e non achega “solucións”.

“Ás veces teño a sensación de que, no canto de estar no Parlamento galego, estamos no Congreso dos Deputados”, replicou a deputada do BNG María do Carme González, quen censurou que o PP non presentase “ningunha iniciativa” na Cámara baixa en defensa de Barreras.

ABSTENCIÓN DO PSDEG

Do mesmo xeito, insistiu na participación pública, no canto de “soltar axudas a mancheas” ás empresas que “non garanten” a viabilidade do estaleiro, argumento co que rexeitou a emenda que presentara o Grupo Socialista, cuxos deputados se abstiveron na votación que tivo lugar esta tarde.

Durante o debate, a socialista Noelia Otero instou a “asumir a realidade” e “tomar conciencia do desesperados que están os traballadores”. Pola contra, Otero advertiu que a situación podería “agravarse”, xa que “os datos non poden ser máis alarmantes”.

Tanto Otero como previamente a portavoz nacionalista no debate aludiron aos “duros” momentos que atravesan outros estaleiros privados en Vigo –Metalships e San Enrique, citou González–, mentres Egerique replicou que “hai que falar de todos e con todos os estaleiros privados, e lembrou que Rodman tivo beneficios.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...