InicioCulturaG-Night, como levar "conciencias creativas" ás rúas, múseos, parques e bares

G-Night, como levar “conciencias creativas” ás rúas, múseos, parques e bares

As sete cidades galegas acollerán actividades de divulgación científica o vindeiro venres 24. A UVigo coordina este proxecto europeo da Noite galega das persoas investigadoras.

PUBLICADO O

A ciencia e coñecemento sairán dos laboratorios e as aulas o vindeiro venres, 24 de setembro, para trasladaranse a rúas, museos, parques e bares para celebrar a Noite galega das persoas investigadoras, a G-Night. Esta iniciativa encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación científica.

As vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, e de Investigación, Belén Rubio, foron as encargadas de presentar a programación deste evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que, no caso de Galicia, está coordinado pola Universidade de Vigo. O obxectivo é, como explicaba Rubio, “achegar a figura da persoa investigadora e a investigación e os seus beneficios á sociedade en xeral, prestando especial atención ás vocacións científicas”. Nesta edición, a décima, e baixo o lema Conciencias creativas, “o leitmotiv será a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade”. As actividades desenvolveranse nas sete cidades galegas e en contextos informais, levando a ciencias “ás rúas, prazas, museos, praias e bares nun ambiente festivo” en formatos diversos como charlas, conferencias, obradoiros manipulativos, rutas científicas, teatro, música, experiencias, experimentos etc. e pensadas para todo tipo de públicos: infantil, xuvenil, familiar, público adulto… independentemente da súa formación e coñecementos.

A Universidade de Vigo coordina este evento en Galicia e conta cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das accións Marie Sklodowska-Curie Actions. Xunto coa institución viguesa participan na organización das actividades as universidade de Santiago e A Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo, Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, co patrocinio da Xunta de Galicia.

A IMPORTANCIA DE COMUNICAR A CIENCIA

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, felicitou ás dúas vicerreitoría implicadas neste proxecto e á Unidade de Cultura Científica polo deseño do programa e subliñou a importancia deste tipo de eventos xa que permiten “comunicar o que se fai nos laboratorios e centros de investigación e, ao tempo, render contas ante a sociedade, xa que somos institucións públicas que se financian cos impostos”. O reitor destacou que a pandemia fixo que a cidadanía fose consciente da importancia que ten a ciencia “pero é bastante doado que se nos esqueza”, polo que recalcou a idoneidade deste tipo de eventos para axudar a poñer en valor o traballo do persoal investigador nos cinco eidos do coñecemento: ciencias da saúde, ciencias, tecnoloxía, ámbito xurídico-social e tamén o humanístico, “que moitas veces adoita esquecerse”. 

`PRESENCIALIDADE

Como explicaba a vicerreitora de Investigación, no ano 2019 financiáronse 55 proxectos que levaron a Noite Europea das Persoas Investigadoras a 433 cidades de 27 países, coa participación de 1,6 millóns de persoas e 36.000 investigadores involucrados. Tras unha edición virtual en 2020, neste 2021 regresarán as actividades presenciais. “A nosa máxima ilusión é chegar ao maior número de persoas posible”, apuntaba a vicerreitora de Comunicación e e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que foi a encargada de detallar a programación para as cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, organizadas xunto cos parceiros locais como o IEO ou Gradiant.

A programación da G-Night en Vigo comezará con actividades en centros escolares, pero a parte central do evento desenvolverase pola tarde-noite en diferentes localizacións. No que se refire a Vigo, na praza do Berbés instalarase unha feira científica que se poderá visitar de 18 a 21 horas con 12 postos sobre temáticas variadas, como ciencia mariña, enxeñaría, xenética, termografía ou o monopraza de UVigo Motorsport. Ademais, no edificio Redeiras, a sede institucional da UVigo na cidade, instalarase unha exposición sobre investigación e divulgación científica en galego e ás 19.00 h comezará un ciclo de relatorios sobre temas como quecemento global, lingüística ou minerais. Paralelamente tamén haberá unha mostra de graffiti en vivo nesa mesma contorna.

Outras das localizacións da G-Night en Vigo serán o Museo Marco, no que dende as 17.30 h haberá un Escape Room e charlas e talleres organizados por CEMMA e o Instituto de Investigacións Mariñas, a proxección dunha parte do documental A muller Romana en Gallaecia e o espectáculo Luthieria electrónica e experimental.

Tamén haberá actividades no campus, concretamente na Biblioteca Central, onde se desenvolverán obradoiros e exposicións arredor da observación astronómica, que culminarán coa actuación do grupo Tinta. Outra das patas desta iniciativa é a Ciencia no bar, unha proposta que levará a divulgación científica a diversos locais de hostalaría, en concreto no caso de Vigo, no Vitruvia Café, con tres sesións sobre street art, alimentación ou o dieselgate. Finalmente, a programación complétase con paseos científicos pola ría que sairán do Porto de Vigo.

No que atinxe a Ourense, no campus a partir das 18.00 h haberá un paseo científico centrado no ecosistema Campus da Auga e en El Pueblo Café Bar dúas sesións de Ciencia no bar. En Pontevedra terán lugar tamén actividades matinais en centros escolares e, pola tarde, Ciencia no bar en La Gramola e un paseo científico no Parque das Palmeiras.

O programa completo de actividades de cada cidade pode consultarse na web do proxecto. Por mor das restricións anti-covid, para participar é preciso inscribirse previamente en todos os eventos agás na feira científica do Berbés e na mostra de graffiti.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...