Condenados dous responsables de obra polo atropelo dun traballador nas obras do AVE

O prexudicado, que traballaba nas obras do túnel do AVE entre Redondela e Vigo, ten unha "incapacidade total".

Tren / Europa Press.

O xerente e o encargado de obra dunha empresa foron condenados este mércores en Vigo como autores dun delito de lesións imprudentes e outro contra os dereitos dos traballadores, como responsables do atropelo dun empregado, que resultou lesionado grave, durante as obras de construción do túnel do AVE entre Redondela e Vigo.

A defensa e a Fiscalía chegaron a un acordo e os acusados recoñeceron os feitos, de maneira que se rebaixou a petición de condena (inicialmente o ministerio público solicitaba dous anos e medio de prisión para cada un).

Tras ese acordo, a xuíza da Sala do Penal 2 de Vigo ditou sentenza, xa firme, pola que condena a José Ramón C.B., xerente da empresa, á pena de 6 meses e un día de cárcere, e inhabilitación para exercer como xerente ou administrador de empresas durante o mesmo período, e ao pago dunha multa de 900 euros.

O encargado de obra, José Manuel G.B., foi condenado á mesma pena de prisión, e ao mesmo período de inhabilitación para exercer como encargado de obra. Así mesmo, terá que pagar unha multa de 540 euros. A Fiscalía aceptou que se substitúa a pena de prisión polo pago de multa en ambos os casos.

FEITOS

Os feitos polos que foron condenados ocurieron o 24 de marzo de 2014, cando o prexudicado atopábase realizando traballos de montaxe e renovación de vía férrea no túnel construído entre Redondela e Vigo para a conexión por AVE do Eixo Atlántico.

Nun momento determinado, outro obreiro que conducía marcha atrás un vehículo tipo motovolquete atropelouno, causándolle lesións graves: antepé dereito ‘catastrófico’, amputación traumática de varias falanxes, fractura de peroné dereito, rotura completa do ligamento lateral do xeonllo e rotura de menisco.

Estas lesións e as súas secuelas obrigárono a someterse a 4 intervencións cirúrxicas e a un proceso de rehabilitación que, no entanto, non impediu que o INSS declarase a súa “incapacidade total”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here