InicioVigo e contornaVigoA Xunta asegura que a estación de buses de Vigo estará...

A Xunta asegura que a estación de buses de Vigo estará acabada este ano

O goberno galego fai estas declaracións en plena crise de subministración de material e crise de prezos.

PUBLICADO O

A Xunta de Galicia mantén o prazo de finalización das obras da nova estación de buses de Vigo, que non se viron afectadas pola crise global de prezos e subministración de materiais, e que estará terminada este ano.

Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que este venres visitou os traballos, xunto coa delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e que lembrou que o goberno autonómico inviste nestes traballos, que se integran no complexo intermodal de Urzáiz, uns 18 millóns de euros, ademais da parte que cofinancia dos accesos.

A conselleira puxo en valor o “esforzo económico e administrativo” da Xunta neste complexo intermodal, tras darlle “viabilidade urbanística” cunha lei (a normativa 3/2016) que permitiu eludir as consecuencias de ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal anulado polos tribunais.

Por outra banda, tamén destacou a “complexidade” dos traballos, que contempla accesos en dous niveis, e que obriga a “encaixar á perfección diferentes pezas”. Todo iso fai necesaria unha “coordinación” co resto de administracións que están a realizar intervencións nese complexo: a construción do centro Vialia (impulsada desde a administración central) ou o túnel de Lepanto e a remodelación da antiga Praza da Estación (que executa o Concello.

EVOLUCIÓN DA OBRA

A construción da nova estación de buses “avanza a bo ritmo”, segundo explicou Ethel Vázquez, xa que non se viu afectada pola crise global de prezos e subministración de materiais, e a obra atópase executada ao 65 %.

A día de hoxe, a escavación dos túneles de acceso está case terminada, así como o pilotado da dársena e outros elementos, e restan por colocar os alicerces para a marquesiña da cuberta, facer a reforma interior do edificio de viaxeiros ou a urbanización das dársenas.

A nova estación de buses de Vigo contará con 30 dársenas e prevé que a terminal faga 500 expedicións diarias, o que supón uns dous millóns de viaxeiros ao ano. O tempo de mobilidade dos usuarios cara á estación de tren será de “un ou dous minutos”.

Finalmente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta pretende a cesión dos terreos onde se atopa a vella estación de buses, na Avenida de Madrid, para a construción dun “centro intergeneracional”. Por iso, expresou a súa esperanza de contar con “colaboración por parte do Concello” (cuxo goberno local xa descartou ese uso).

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...