Veciños de Teis reclaman ampliar a rúa Robleda “aproveitando” as obras da Vía Verde

Critican a "falta de transparencia e información" por parte do Goberno de Vigo.

Acceso ao Grupo San Pablo, no barrio vigués de Teis / AA.VV. DE TEIS.

A asociación de veciños de Teis reclamou ao Concello de Vigo que se amplíe a rúa Robleda, “aproveitando” as obras da Vía Verde, xa que este viario é o único acceso para coches ás vivendas do Grupo San Pablo, e a súa anchura non permite o paso de vehículos máis grandes, como ambulancias ou camións de bombeiros.

A asociación celebrou unha asemblea con veciños da zona para analizar as súas demandas e constataron a necesidade de acometer esta obra, así como a construción dun novo muro entre a rúa Robleda e a Vía Verde, xa que o actual está deteriorado, presenta filtracións e hai risco de derrubamento nalgunhas zonas.

A entidade sinalou que, a comezos a agosto, solicitou unha reunión co concelleiro de Fomento, Francisco Javier Pardo, pero non recibiu resposta, e lamentou a “falta de transparencia e información” por parte do goberno municipal.