InicioSociedadeUn estudo da UVigo considera o discurso de Galicia Bilingüe "perigoso" para...

Un estudo da UVigo considera o discurso de Galicia Bilingüe “perigoso” para o galego

Ademais, nesta tese atopouse un maior rexeitamento ao galego ca o castelán, así como que as mulleres de clase alta son menos "leais" ao galego que os homes.

PUBLICADO O

Que as clases altas son máis próximas ao castelán que ás linguas co-oficiais é unha hipótese esperable e dela parte a investigación de Daniel Pinto sobre as representacións ideolóxicas das linguas, na que realizou unha análise comparativa das ideoloxías lingüísticas nas clases altas de Galicia e Cataluña.

Entre ambos territorios existen destacadas diferencias, xa que historicamente a burguesía de Cataluña é catalanfalante mentres a galega é tradicionalmente castelanfalante, pero na súa tese de doutoramento Pinto atopou “certas sorpresas que contrastan con esas ideas tan asumidas”, a máis destacada é a referida ao sexo.

O investigador explica que se identificou “un patrón xeral que consiste en que as mulleres catalás e galegas de clase alta manifestan unha lealdade maior co castelán que co catalán e o galego, respectivamente”.

Mentres, os homes do mesmo estrato social son máis proclives a defender os usos e espazos reservados para as linguas minorizadas. Isto demostra que as mulleres, “despoxadas de moitas posibilidades de proxección económica, social e cultural, recorren á lingua dominante, o castelán, para asegurar o seu estatus a través dunha ferramenta simbólica como a lingua”.

Daniel Pinto sobre as representacións ideolóxicas das linguas/ Duvi

É dicir que en termos de oportunidades, explica o investigador, “as mulleres vénse obrigadas a realizar un esforzo adicional para salvagardar a súa posición social e, por conseguinte, adoptan o castelán como lingua preferente para facerse valer”.

Daniel Pinto explica que no seu estudo, dirixido pola profesora Susana Rodríguez Barcia, partiu de dous territorios nos que a oficialidade do galego e do catalán non garante necesariamente a súa vitalidade, xa que compiten con outra lingua, o castelán, que copa boa parte dos espazos sociais máis relevantes, como as empresas ou os medios de comunicación.

Para o proxecto realizáronse entrevistas a persoas de clase alta de ambos lugares, coa complicación engadida, como remarca o investigador, de delimitar “que é clase alta”. Estas persoas foron preguntadas por temas como as posibilidades de progreso socioeconómico que xeran o galego e o catalán, os procesos de normalización lingüística dos últimos anos, a inmersión lingüística en Cataluña ou a extensión do uso do galego e o catalán en empresas.

O discurso de Galicia Bilingüe e a inmersión lingüística en Cataluña

Máis aló das diferencias por sexo, os resultados do seu estudo tamén amosan que a clase alta de Cataluña considera lóxico o uso predominante do catalán “en esferas como a educativa, a administración e mesmo os negocios”.

Pola contra, en Galicia, os estratos máis elevados non consideran que o galego abra portas nestes eidos e adscríbeo “a unha instrumentalización coloquial e rural”, pero é ben valorado como lingua natural de Galicia “que merece respecto e promoción”.

Ata este punto os resultados do estudo confirman as premisas, pero o problema chega cando se formulan medidas concretas de promoción. Neste sentido, Pinto explica que “se a clase alta de Galicia entende que o fomento do galego vulnera a vitalidade lingüística do castelán, automaticamente as opinións vólvense máis restritivas”.

Para o investigador esta ideoloxía hai que poñela en relación co discurso de Galicia Bilingüe, “que di querer a igualdade entre ambas linguas e dar liberdade para que os cidadáns elixan en todo momento a lingua que queren utilizar”.

Considera Pinto que este discurso ten calado moito tanto na sociedade como nalgúns partidos políticos, pero esa suposta tolerancia supón, na súa opinión, “unha ideoloxía moi perigosa cara o galego”.

Neste sentido explica que mentres o castelán sexa a lingua predominante en ámbitos de gran relevancia, a potenciación do galego só pode chegar a partir de medidas concretas que o superpoñan con respecto ao castelán”. Isto, non implica, segundo o experto, “un ataque cara o castelán, como sostén Galicia Bilingüe, senón que pretende establecer unha mínima relación simétrica e de igualdade entre ambas linguas”.

Nunha situación ben diferente está Cataluña, onde destaca a boa predisposición da clase alta ante a inmersión lingüística en catalán nas escolas. Mentres os sectores máis restritivos conciben a inmersión como un xeito de crear guetos e impor un idioma, “o obxectivo é precisamente o contrario e así o explicaban algunhas das persoas entrevistadas”, que o conciben como un modo de formar cidadáns bilingües para que no futuro poidan elixir con total liberdade unha ou outra lingua. Neste sentido, moitos sinalan que “a escola é a única garantía de potenciar unha sociedade que sexa competente en catalán”.

En resumo, explica Daniel Pinto, “o discurso de Galicia Bilingüe e de boa parte da clase alta galega sostén defender a liberdade de elección independentemente da evidente asimetría social entre galego e castelán; en cambio, boa parte da clase alta de Cataluña considera que esa liberdade só pode chegar unha vez a cidadanía sexa plenamente competente en ambas linguas”. 

Maior rexeitamento cara o galego ca cara o catalán

No seu estudo, o investigador tamén se centrou nas partículas discursivas “que inconscientemente revelan a postura das persoas entrevistadas ante a súa propia enunciación”.

Explica que detectaron marcas dun maior rexeitamento cara o galego que cara o catalán, aínda que advirte que “convén non caer nun reduccionismo polo cal se presenta a situación do catalán en Cataluña como idónea, posto que a súa clase alta xa manifestou ideoloxías que danan a capacidade expresiva e anulan ámbitos de aparición desta lingua”.

En conclusión, Pinto sostén que o proceso de normalización lingüística en Galicia é “insuficiente e inefectivo”. Apunta que hai que romper con prexuízos que xeran situacións de penalización a falantes que reflexan certos trazos lingüísticos e ademais detecta un problema grave en canto ás ideoloxías negativas sostidas cara certos grupos de falantes tradicionais e cara os neofalantes.

Pola contra, relata que en Cataluña existe un “maior compromiso cara o catalán, aínda que ben é certo que algúns condicionantes determinan o grao de aparición desta lingua mentres que o castelán se alza como a lingua por defecto”.

ÚLTIMAS

Retencións de varios quilómetros na AP-9 ao seu paso por Vigo tras producirse un accidente e unha picada de roda

Un accidente entre un camión e un coche e unha picada de roda doutro...

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Ferida unha persoa tras ser atropelada en Vigo

Unha persoa resultou ferida na mañá deste martes tras ser atropelada por un vehículo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...