A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, esixe que a rebaixa das peaxes da autoestrada AP-9 “se aplique xa“, posto que o Goberno central, en concreto o xa exministro de Transportes, José Luís Ábalos, comprometeuna para xullo.
Así se pronunciou no pleno do Parlamento, a preguntas do deputado do PP Diego Calvo, quen lamentou que “en xullo non vai ser”, polo afirmado este martes polo delegado do Goberno en Galicia, que as situou en agosto. Respecto diso, o popular engadiu que o mes que vén “xa se verá”.
“Os compromisos están para cumprirse”, advertiu a titular da consellería, antes de rexeitar que á comunidade sofre “outro incumprimento pola porta de atrás”.
Así, asegurou estar “cansos de esperar” ao escoitar “anuncios tras anuncios” do Goberno central. “Queremos feitos”, reivindicou, antes de incidir en que espera que o cambio á fronte do ministerio “non signifique postergar estas bonificacións”. “Non sei se as bonificacións da AP-9 van chegar antes ou máis tarde que a alta velocidade”, ironizou.
Ademais, sobre a transferencia da titularidade, subliñou que as bonificacións das peaxes da autoestrada “son compatibles” con ese traspaso.