InicioSucesosVítimas declaran na Audiencia provincial os abusos reiterados dun salesiano de Vigo

Vítimas declaran na Audiencia provincial os abusos reiterados dun salesiano de Vigo

Os feitos aconteceron durante un campamento de verán que dirixía o sacerdote e que estaba organizado polo colexio María Auxiliadora da congregación dos Salesianos, a través da asociación xuvenil Abertal.

PUBLICADO O

A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra acolleu este mércores a segunda sesión do xuízo contra Segundo C.V., o sacerdote do colexio Salesianos de Vigo, acusado de doce delitos de abusos sexuais a seis menores.

Durante esta xornada compareceron tres das vítimas que quedaban por declarar ante o tribunal provincial así como outros mozos que foron testemuñas do ocorrido no verán de 2019, durante un campamento de verán que dirixía este sacerdote e que estaba organizado polo colexio María Auxiliadora da congregación dos Salesianos, a través da asociación xuvenil Abertal.

Nese campamento, segundo relataron as vítimas, o acusado tocoulles os xenitais e introduciu a man dentro dos seus pixamas ou dos seus sacos de durmir. Segundo unha testemuña, unha noite “ata once veces” o sacerdote tocoulle os xenitais a un dos alumnos. A declaración das vítimas foi a porta pechada.

“ASCENDENCIA” SOBRE OS MENORES

Segundo explicou o avogado Francisco Javier Lago Calvo, avogado que exerce a acusación particular en nome da Fundación Amigos de Galicia, “os menores estiveron contundentes na súa declaración e sen contradicións co que xa manifestaran anteriormente durante a instrución”.

Por iso, cre que a acusación “quedou acreditada”. Ademais, engadiu que no relato dos mozos non hai “ausencia de incredibilidad subxectiva, nin inimizade nin ánimo vindicativo previo”. “Este señor tiña unha gran ascendencia sobre os menores, e para eles resultaba incrible o que lles estaba pasando”, comentou este letrado.

“TIÑAN MEDO A QUE NOS OS CRESEN”

Na segunda xornada do xuízo, un dos testemuños máis rechamantes foi o da moza que animou ás vítimas a denunciar os abusos sexuais que estaban a sufrir por parte do cura.

Ela explicou na sala que os seus amigos “non denunciaron antes porque tiñan medo a que non lles cresen”. Así, ela e outra compañeira avisáronos: “Como non o digades vós, dicímolo nós”.

Os mozos relataron entón os abusos a un monitor do campamento que “quedou en branco, en shock” e non fixo nada, polo que acudiron a outro monitor que lles recomendou que polas noites deixasen a porta da habitación aberta “e que gritasen”.

Os mozos para “defenderse” xuntaron todas as liteiras e deitáronse “coas almofadas entre as pernas”. Mentres esta testemuña declaraba, o acusado mostrouse visiblemente nervioso, xesticulando iradamente detrás do biombo. Mesmo se retirou a máscara para comunicarlle algo aos seus avogados que se atopaban alén da sala.

ACTUACIÓN “NEGLIXENTE” DO COLEXIO

Os monitores do campamento tardaron máis de 24 horas en chamar aos pais dos mozos e pór os feitos no seu coñecemento. “A actuación do colexio foi totalmente neglixente”, sostén a avogada de tres dos menores, Aída Blanco.

E é que o colexio non presentou denuncia, foron os pais dos mozos quen acudiron á xustiza. Esta letrada subliñou a “valentía” destes mozos ao denunciar estes feitos “para que non sigan pasando”.

“É sabido por todos os que nos dedicamos a isto que unha persoa así, por desgraza, non para. É dicir, podería haber outras vítimas”, destacou Aída Blanco.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...