Condenado un home a 3 meses de cárcere coa prohibición de achegarse á súa filla durante 9 meses

Segundo o tribunal "a versión que se axusta á realidade do sucedido é a que ofreceu a denunciante, pois, o seu claro e preciso testemuño aparece avalado por datos obxectivos e periféricos".

Xulgados de Vigo.

O Xulgado do Penal número 3 de Vigo condenou a un home a unha pena de 3 meses de prisión e á prohibición de comunicarse ou achegarse á súa filla durante 9 meses por un delito de malos tratos, despois de que golpease á moza na cara no transcurso dunha discusión.

Na sentenza, a xuíza declara probado que o 13 de marzo de 2020 iniciouse unha discusión entre a menor de 16 anos e o seu pai, José Ángel, durante a que o home golpeou coa man na cara á moza, provocándolle unha contusión nasal da que tardou en curar catro días.

A maxistrada entende que os feitos “son legalmente constitutivos dun delito de malos tratos”. Así, considera que coa proba practicada e en especial coa declaración, a testifical e a documental “resultaron debidamente acreditados os feitos”.

Así, aínda que “existen dúas versións totalmente discrepantes” –a do home e a da súa filla–, afirma que “a versión que se axusta á realidade do sucedido é a que ofreceu a denunciante, pois, o seu claro e preciso testemuño aparece avalado por datos obxectivos e periféricos”.

Así, a moza mantivo que o día dos feitos o seu pai acudiu en coche para asinarlle uns papeis. El insistiulle ” en que sentase e falase con el” pero ela negouse, polo que o home dixo que non llos asinaría. A prexudicada explicou que “nese instante, introduciu a metade do seu corpo no vehículo para coller os papeis, momento en que o acusado a golpeou co dorso da man dereita no nariz”.

A xuíza apunta que non aprecia “motivo espurio que poida viciar ou pór en dúbida” a versión da denunciante, quen naquel momento non tiña co seu pai unha relación “nin boa nin mala”, e a iso engade que “a prexudicada ofreceu unha versión inculpatoria rotunda, coherente, firme e sen fisura, facilitando no seu relato datos periféricos que o acusado non nega”.

CONDENA

Por todo iso, condena ao home por un delito de malos tratos a unha pena de 3 meses de prisión e á privación do dereito á tenencia e porte de armas por tempo de 1 ano e 1 día. Así mesmo, prohíbelle comunicarse por calquera medio ou achegarse a menos de 200 metros da súa filla ou calquera lugar frecuentado por ela durante 9 meses.

Con iso, ve rebaixada a pena que inicialmente pedía a Fiscalía, quen lle consideraba autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar e reclamaba para el 6 meses de prisión, privación do dereito de tenencia e porte de armas durante 1 ano, así como a prohibición de comunicarse por calquera medio ou aproximarse á súa filla ou calquera lugar frecuentado por ela durante un ano.