InicioSociedadeFalece a deputada socialista e exconcelleira de Vigo Isaura Abelairas

Falece a deputada socialista e exconcelleira de Vigo Isaura Abelairas

PUBLICADO O

- Advertisement -

A deputada socialista do Parlamento de Galicia e exconcelleira de Vigo Isaura Abelairas faleceu tras unha longa enfermidade.

Nada en Taboada (Lugo) en 1951, Isaura Abelairas exerceu como mestra e directora do C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán de Vigo desde 1993 ata 2007. Ademais, ostentou a Concellaría de Limpeza e Festas do Concello da cidade olívica entre 1999 e 2003 e tamén foi a responsable dos departamentos de Servizos Exteriores e Vías e Obras.

Posteriormente, foi responsable de Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística e tamén de Política Social. Así mesmo, entre 1999 e 2003 e desde 2007 exercía como deputada provincial, como responsable de Igualdade.

En xullo de 2020, a ata entón edila do Grupo Municipal Socialista de Vigo renunciou á súa acta de concelleira en Vigo para ocupar un escano no Parlamento de Galicia, dentro do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia.

LOITO OFICIAL NO PARLAMENTO E NO CONCELLO DE VIGO

O Parlamento de Galicia e o Concello de Vigo decretaron loito oficial polo falecemento da deputada socialista e exconcelleira do consistorio olívico Isaura Abelairas.

A Cámara galega comunicou a declaración de loito oficial e as bandeiras xa ondean a media hasta no Pazo do Hórreo como sinal de pesar polo falecemento de quen era deputada do grupo socialista desde xullo do ano pasado.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, confirmou que se trasladará na tarde deste xoves ao cemiterio de Pereiró en Vigo, onde se instalará a capela ardente, antes do traslado de Isaura Abelairas ao seu pobo natal en Castelo, Taboada, para o enterro.

Santalices destacou a “fortaleza” coa que Abelairas afrontou a súa enfermidade e a “naturalidade” coa que describiu o proceso vital no que se viu inmersa, á vez que puxo en valor a súa carreira política, da que destacou a súa “coherencia” e “vocación de servizo aos demais”.

GRUPOS PARLAMENTARIOS

O grupo parlamentario socialista, co secretario do PSdeG, Gonzalo Caballero, á fronte, tamén lembrou a Abelairas como “un referente na defensa dos servizos públicos e da loita contra a desigualdade”.

“Destacada activista do feminismo, da igualdade e da educación pública, Isaura Abelairas deixa un gran pesar na familia socialista, partido no que militaba desde fai tres décadas”, apuntaron desde o PSdeG, e lembraron que, no seu labor como deputada autonómica, Abelairas centrábase nos ámbitos de igualdade, LGTBI, Valedoría do Pobo, emigración, CRTV e voluntariado.

O PP expresou o seu “máis sentido pésame” á familia de Abelairas e aos seus compañeiros socialistas, á vez que destacou que a dedicación da falecida ao seu traballo parlamentario na súa última etapa foi “un exemplo inesquecible” de “sacrificio persoal e entrega”. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, publicou en redes sociais as súas “sentidas condolencias” á familia, amizades e compañeiros e compañeiras socialistas”.

CONCELLO DE VIGO

No Concello de Vigo, onde Abelairas desenvolveu o seu labor político como concelleira en varias etapas e departamentos, tamén se decretou loito oficial, con bandeiras a media hasta e crespóns negros, e porase a disposición dos cidadáns un libro de condolencias.

O alcalde, Abel Caballero, tras trasladar o seu pésame á familia da exedila e “especialmente ás súas dúas fillas”, destacou que Isaura Abelairas quería “á cidade dunha forma excepcional” e dedicou “unha parte importantísima da súa vida a traballar por Vigo e os vigueses”.

O rexedor destacou o seu carácter de “feminista convencida e loitadora infatigable”, e subliñou o seu defensa da educación pública, así como o feito de que, a pesar da súa dedicación política, “intelectualmente nunca abandonou a docencia”.

ÁBALOS E FEIJÓO

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e secretario de Organización do PSOE, José Luís Ábalos, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladaron a través das redes sociais o seu pésame pola morte de Abelairas.

José Luís Ábalos referiuse a a política viguesa como “un referente do socialismo” nesta cidade e un “exemplo de dedicación na defensa da educación pública e a igualdade”. “A miña solidariedade coa súa familia e o PSdeG”, afirmou nunha mensaxe publicada a través do seu perfil da rede social Twitter.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o seu agarimo á familia e compañeiros do PSdeG. “Perdemos unha voz comprometida con Galicia e con Vigo. Déixanos Isaura Abelairas, deputada do Parlamento de Galicia”, sinala noutra mensaxe publicada na mesma rede social.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Finalmente, a Deputación de Pontevedra, que preside Carmela Silva, trasladou tamén o seu “enorme pesar” polo falecemento de Isaura Abelairas, da que destacou o seu activismo feminista e a súa loita “en defensa dos dereitos das mulleres”, así como a súa traxectoria no ámbito municipalista.

Silva quixo despedirse da “inigualable” Abelairas cun “ata sempre compañeira”, e mostrouse “totalmente abatida”. “Foron moitos anos traballando xuntas, tanto en Vigo como na Deputación. É un golpe moi duro”, lamentou.

ÚLTIMAS

Vigo pide o cesamento da conselleira de Medio Ambiente pola súa “irresponsable xestión” da presa de Eiras

O pleno de Vigo aprobou, cos votos a favor dos socialistas e a abstención...

Buscan en Nova Zelandia a un mariñeiro galego que viaxaba a bordo dun palangreiro con base en Vigo

Efectivos de procura tratan de localizar a un mariñeiro galego, un xefe de máquinas...

Trasladada ao hospital con queimaduras unha veciña de Vigo tras un incendio na súa vivenda

Unha veciña de Vigo foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao resultar ferida, con...

Vigo tomado por miles de “papanoeles” con fins solidarios

A tradicional "Papanoelada" de Vigo volveu a encher a cidade olívica de vehículos de...