O Servizo Galego de Saúde (Sergas) porá en marcha este martes, 1 de xuño, unha unidade de Saúde Mental ambulatoria no centro de saúde de Tui , que será referencia para a poboación adulta dos concellos do Baixo Miño, en concreto Tui, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Oia.
Segundo informou o Sergas, a nova unidade atenderá á poboación da comarca maior de 16 anos con problemas de saúde mental, para o que contará cun equipo de seis profesionais. Trátase de dous psiquiatras, un psicólogo, un traballador social, unha enfermeira especializada en saúde mental e un administrativo.
Este novo dispositivo enmárcase no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024 do Sergas. Durante unha visita ao centro este luns, o xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Ponte, apuntou que “con esta nova dotación mellórase de forma moi significativa a accesibilidade da poboación desta comarca ao sistema sanitario, xa que non terá que desprazarse a Vigo para recibir este tipo de atención”.