A Xunta culpa dos problemas de vacinación en Vigo ao tráfico, competencia local, e o alcalde di que son “inevitables”

"Desde logo coa vacina non hai problemas en ningún sitio, nin sequera en Vigo", recalcou o conselleiro de Sanidade.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou que os problemas na vacinación en Vigo son relativos ao tráfico e, en canto aos puntos de vacinación, remarcou que na cidade xa se vacúa nos centros de saúde aos maiores de 80 anos. “Isto non é novo e non fai falta que ninguén nos dea leccións sobre isto”, selou.

Así respondeu ás críticas vertidas polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, quen este martes denunciou que no relativo aos puntos de vacinación, a situación en Vigo “non é boa”, pois “se atende a case 600.000 persoas nun único centro de vacinación” (no Instituto Feiral de Vigo –Ifevi–); tras o que remarcou que “hai que habilitar máis lugares” para vacinar.

Comesaña ratificou este mércores que actualmente xa “se vacúa nos centros de saúde” aos maiores de 80 anos, “non é nada novo que propoña ninguén”. No entanto, recoñeceu que a vacinación “se está centrando nos puntos de vacinación masiva”, dos que hai 14 en Galicia, aínda que aseverou que non hai problemas “en practicamente ningún”.

“Desde logo coa vacina non hai problemas en ningún sitio, nin sequera en Vigo”, recalcou, antes de espetar que na área viguesa os problemas que hai son “de tráfico, de ordenación de aparcadoiro e de transporte público, competencias que non son da Xunta nin das enfermeiras”.

Neste sentido, indicou que o día en que máis vacúas se puxeron, foron citadas 12.000 persoas entre as 8,00 e as 21,30 horas. “Máis de 12 horas; se un divide 12.000 entre 12 horas sáelle a 1.000 coches por hora, se o Ifevi non é capaz de asumir 1.000 coches por hora desde logo o Concello de Vigo ten problemas de tráfico, ordenación de aparcadoiro e de transporte público”, rematou. Finalmente, chamou aos vigueses a acudir á vacinación “de forma ordenada”, no horario en que están citados.

RESPOSTA DE CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a culpar este mércores A Xunta dos atascos que se producen de forma reiterada nos accesos ao Ifevi pola decisión de Sanidade de habilitalo como único punto de vacinación masiva na área sanitaria, e sinalou que, co volume de “tráfico masivo” que xera esa situación, son “inevitables” os problemas.

O rexedor acusou o conselleiro de Sanidade de tratar de “eludir a súa responsabilidade e os seus erros”, e insistiu en que habilitar un único punto de vacinación para unha área sanitaria de 600.000 persoas é un “disparate” e “é inevitable o que está a suceder, que haxa picos de afluencia que xeran atascos”. Ademais, engadiu, a Xunta obriga a pacientes a percorrer distancias de ata 50 quilómetros desde outros concellos, e aos propios vigueses, a acudir a vacinarse a “unha esquina da cidade”.

Por outra banda, Abel Caballero censurou a “inmensa ignorancia” do conselleiro sobre as competencias municipais, e replicoulle que tanto a saída da autoestrada cara ao recinto feiral, como a rotonda que hai fronte ao aeroporto e a estrada entre o aeródromo e a rotonda que leva a Redondela, “non son competencia do Concello”.

“Eles teñen que sabelo, porque tiveron reunións con Policía Local e Garda Civil, que xa lles advertiron, avisáronlles que era inevitable o que está a pasar, porque a zona non é capaz de evacuar tanto tráfico. Policía e Garda Civil xa lles dixeron que non estaba ben”, subliñou.

DATOS DE VACINACIÓN

Tras apuntar que en Vigo a Administración autonómica xa mantivo dúas reunións de coordinación co Goberno local, cuxo resultado “polo que se ve non funciona”, animou ao Concello “a que siga traballando e apoiando á Xunta no mellor plan de vacinación posible”.

“Os resultados están aí á vista de todo o mundo”, resolveu, destacando que Galicia se atopa “en posicións privilexiadas” en canto á porcentaxe de colectivos vacinados e ao de doses administradas respecto das recibidas.