InicioEconomíaO Concello de Vigo incumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria e da...

O Concello de Vigo incumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto

O Consello de Contas de Galicia vincula o incumprimento ao rescate da concesión do Auditorio Mar de Vigo, por un importe de 35,2 millóns.

PUBLICADO O

O Consello de Contas de Galicia confirmou que o Concello de Vigo, no seu exercicio de 2018, incumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, o que vinculou ao rescate da concesión do Auditorio-Pazo de Congresos Mar de Vigo, por un importe de 35,2 millóns.

Así se desprende do seu ‘Informe de fiscalización selectiva do Concello de Vigo’, aprobado polo pleno do órgano fiscalizador na sesión do pasado 1 de marzo, no que sinala que a liquidación orzamentaria do exercicio 2018 de Vigo “pon de manifesto que se incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria”, existindo unha necesidade de financiamento (déficit) de 6,6 millóns de euros.

A iso engade que tamén se incumpriu o obxectivo da regra de gasto, xa que “o gasto computable do exercicio 2018 superou o límite máximo de gasto non financeiro na cantidade de 18,5 millóns de euros”. En ambos os casos, sinala, a causa do incumprimento “foi a aplicación do importe da liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e explotación do Auditorio”.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) xa advertira en 2019 que o Concello de Vigo incumpriría a regra de gasto na liquidación de 2018 “por efecto da operación non recorrente derivada do proceso concursal do auditorio da cidade”.

Posteriormente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumiu de atopar a “fórmula” para gastar os remanentes de tesouraría. Así, incidiu en que a cidade puido facer fronte a ese rescate recorrendo en gran parte a eses remantentes, e interpretou que iso significa que o rescate “non custa nada aos cidadáns, porque se paga cos aforros que había no banco”.

LIQUIDEZ

Dentro do mesmo capítulo de xestión orzamentaria, Contas indica tamén que o Concello non contaba en 2018 “cunha suficiente estrutura de persoal para dar cobertura ás esixencias” do real decreto que regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do Sector Público Local. Así, remarca que “existe unha praza de habilitación nacional que non está cuberta”.

Doutra banda, o Consello de Contas avisa de que o Concello “non dota ningunha provisión para os riscos e gastos que se puidesen derivar da resolución de procedementos xudiciais”.

No que respecta á tesouraría e contas a pagar, sinala que a conta de acredores pendentes de aplicar ao orzamento presenta un saldo ao final do exercicio fiscalizado de case un millón de euros. Sobre iso, considera que “a existencia de saldos nesta conta ten especial influencia no desenvolvemento dos orzamentos, xa que engaden un novo desaxuste á execución orzamentaria, trasladando a imputación de gastos entre exercicios“.

En todo caso, afirma que o Concello “conta con liquidez para facer fronte a curto prazo ao seu pasivo corrente”, xa que contaba ao final do exercicio fiscalizado con 78,5 millóns de euros de fondos líquidos, 85,5 millóns de euros en dereitos pendentes de cobro e 28,5 millóns en obrigas pendentes de pago.

O organismo tamén apunta que o Consistorio cumpriu cos prazos establecidos para a aprobación dos seus orzamentos anuais, respectou os prazos para a aprobación e rendición da súa conta xeral do exercicio 2018 e remitiu a información prevista ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia.

En canto ás subvencións, comenta que o procedemento de concesión de subvencións máis empregado foi a concesión directa nominativa prevista nos orzamentos, asinándose 93 convenios ou subvencións nominativas, mentres que as convocadas en réxime de concorrencia “só foron 23”.

A este respecto, Contas apunta que “se deben mellorar os procedementos de recadación para evitar a cancelación e a anulación de dereitos a cobrar de orzamentos pechados” e engade que o Concello “debería dar preferencia ao procedemento ordinario de concesión de subvencións, que é a tramitación en réxime de concorrencia competitiva”.

CONTRATACIÓN E PERSOAL

Acerca da contratación, o organismo recoñece que existen contratos menores, tales como servizos de mantemento, aluguer de vehículos, seguros, suministración de gas, electricidade ou combustible, que, polo seu obxecto, teñen carácter recorrente e vanse repetir en anos sucesivos.

Sobre eles, advirte que “se poderían considerar contrarios a dereito se o órgano de contratación, no momento de iniciar a súa tramitación, ten coñecemento certo ou puidese telo da necesidade de contratar prestacións determinadas de carácter ou natureza unitarios (…) que ten que levar a cabo necesariamente ano tras ano e que responden a unha necesidade continuada no tempo”.

É por iso que o organismo fiscalizador recomenda ao Consistorio “a planificación da contratación, para adecuar os prazos de duración á natureza das prestacións e así poder tramitar con antelación as licitacións seguindo os procedementos na Lei de Contratos do Sector Público”.

Finalmente, no relativo á área de persoal, sinala que no exercicio 2018 houbo un incremento orzamentario do 43% do artigo referido a outro persoal, “debido á contratación de persoal temporal ou interino para facer fronte á normal prestación dos servizos obrigatorios”.

A iso engade que a entidade “debería contar cunha regulación interna nas materias de promoción profesional, sistemas de selección de persoal, cálculo e control dos incentivos económicos ao rendemento”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...