Manifestación de motoristas contra as peaxes en Vigo e noutras cidades

Reclaman melloras de seguridade nos gardarraís, o firme de estradas e rúas, as marcas viarias e que se sinalicen "de forma adecuada e cumprindo coa lei" todos os perigos.

Motorista

Motoristas de toda España manifestaranse este xoves 13 de maio de maneira simultánea en máis de 20 cidades para reclamar que non se implante o uso obrigatorio do airbag, e contra a posibilidade de implantar peaxes nas autovías.

A plataforma cidadá Unión Internacional para a Defensa dos Motociclistas argumenta que as administracións públicas “cobran denuncias, taxas e impostos suficientes para sufragar o seu mantemento, derivados do uso e xestión de vehículos”.

Así mesmo, piden que se reduza o pago de uso de autoestradas de peaxe para motocicletas, non equiparándoas aos vehículos turismo e establecéndoas nunha escala inferior e proporcional ao desgaste derivado das súas instalacións.

Os motoristas solicitan que se incremente a velocidade en autoestradas a 130 km/h, que se reforme o Regulamento Xeral de Circulación permitindo o uso de intercomunicadores nos cascos de protección e a circulación pola beiravía practicable en casos de conxestión estática do tráfico a velocidade moderada, e que se reduza o IVE dos equipos de seguridade para motociclistas.

Igualmente, reclaman melloras de seguridade nos gardarraíles, o firme de estradas e rúas, as marcas viarias e que se sinalicen “de forma adecuada e cumprindo coa lei” todos os perigos.

Doutra banda, queren que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) “deixe de acosar aos cidadáns motociclistas tratando de impor medidas de lastre ao uso das motocicletas, dificultando o acceso” a este medio de mobilidade persoal, e xunto ao resto das administracións públicas competentes en materia da seguridade viaria, “vixiar tamén os incumprimentos legais relativos ao mal estado de conservación das estradas”.

Entre outras reclamacións, os motoristas piden que se mellore a investigación dos sinistros de tránsito, identificando os factores reais directos ou indirectos dos accidentes para determinar as medidas preventivas adaptadas á realidade das circunstancias; así como un protocolo de investigación de accidentes de tráfico para todos os corpos policiais e a unificación da formación dos investigadores.

Tamén solicitan que “as fiscalías de seguridade viaria persigan aos responsables que, tendo a obrigación de manter a estrada nas mellores condicións posibles de seguridade viaria, non restitúen a seguridade da vía (artigo 385.2 do Código Penal) e que os concellos recoñezan a motocicleta como un medio de transporte de alta eficiencia, permitindo o seu uso en zonas de baixas emisións”.

Os motoristas teñen previsto mobilizarse nas rúas de Madrid, Barcelona, Xirona, Alacante, Valencia, Castelló, Cádiz, Córdoba, Granada, Málaga, Xaén, San Sebastián, Xixón, Mérida, Vigo, León, Valladolid, Zaragoza, Logroño, Palma de Mallorca, Santander e Las Palmas de Gran Canaria.