InicioSociedadeO novo Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española da UVigo, único...

O novo Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española da UVigo, único no sistema universitario español

A titulación conxugará o coñecemento da filoloxía tradicional coas novas tecnoloxías

PUBLICADO O

“Filoloxía Aplicada Galega e Española designa un grao que mira cara ao porvir, co fin de que o alumnado adquira as competencias filolóxicas necesarias para poder aplicalas de xeito práctico, na procura de solucións aos problemas socioculturais actuais co emprego das máis modernas ferramentas da tecnoloxía dixital”. Neste termos describe o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, José Montero Reguera, o novo Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, que o centro ofertará o vindeiro curso con 50 prazas, renovando e reforzando a oferta da UVigo no ámbito das Humanidades e asegurando a continuidade dos estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa a 40 anos atrás.

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, reafírmase na idea de que unha universidade ten que aspirar a ter un catálogo de titulacións que inclúa as Humanidades, “que xogan, xogaron e xogarán un papel transcendental na formación da conciencia crítica da sociedade e que supoñen unha parte moi importante do noso progreso”.

UNHA TITULACIÓN QUE MIRA CARA O FUTURO

“Trátase dun grao moderno, único, internacional que pode abrir moitísimas portas, vellas e tradicionais, pero tamén modernas e de futuro, que permite coñecer con profundidade as linguas propias e desenvolverse con pericia en non menos doutras dúas, o que permitirá chegar a obxectivos ambiciosos nos eidos da docencia, da comunicación, da investigación e das industrias culturais”, resume o decano da FFT sobre o novo grao. Así, o asesoramento lingüístico en empresas tecnolóxicas, a análise e xestión da información en organismos e proxectos internacionais, e a edición de textos especializados de creación literaria ou de contidos audiovisuais, son algunhas das saídas profesionais que as e os futuros titulados terán ao seu alcance.

UNHA FORMACIÓN MULTILINGÜE E CUNHA VERTENTE PRÁCTICA DIXITAL

O Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE) distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español. “O novo grao conxuga, por unha banda, a tradición, a modernidade e a realidade social na que entendemos a filoloxía como a colaboración entre varias disciplinas centradas sempre na palabra e nos seus textos, e, tamén, dunha maneira xenérica na que texto sería calquera comunicación en que se empregue a lingua, neste caso o galego e o español”, detalla Montero Reguera. 

O multilingüismo é un dos sinais de identidade do novo grao, no que o alumando, ademais de galego e español, cursará dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. A incorporación de Lingua de signos nun módulo optativo de especialización, único no Sistema Universitario Galego, é outra das características da nova titulación, que ten un marcado contido e carácter aplicado e práctico. “Debe engadirse a isto a incorporación de prácticas externas e que no Traballo Fin de Grao se recolle de xeito explícito a orientación práctica e aplicada”, detalla o decano do centro, que tamén destaca o carácter creativo en literatura galega, aplicado e dixital. “Todos estes elementos amosan a verdadeira singularidade de FAGE, que o converten nun grao único no sistema universitario español”, afirma Montero. 

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...