O Marisquiño acollerá a proba de descenso urbano MTB

O festival tamén acollerá os mellores trucos de skate e BMX e repartiranse 4.000 euros en premios.

Exhibición de break dance durante a celebración do festival de cultura urbana. Foto de arquivo.. O MARISQUIÑO.

O festival O Marisquiño volverá acoller este ano a proba de descenso urbano MTB Downtown, cun novo trazado e a porta pechada; e ademais celebrará a segunda edición do seu concurso ‘#OMRAW Best Trick Open Contest’, polo que se escollerán os mellores trucos de skate e BMX e repartiranse 4.000 euros en premios.

Tal e como comunicou a organización do festival, o MTB Downtown celebrarase o 8 de agosto a porta pechada, aínda que se retransmitirá telematicamente con cámaras fixas e en movemento. A saída será no castelo de San Sebastián e a chegada na chaira do Hotel Baía, onde haberá un salto que marcará o final do percorrido.

Segundo explicou, este novo trazado foi deseñado para adaptarse ás obras que se están realizando en Pórtaa do Sol, aínda que asegurou que o percorrido é “aínda máis espectacular que en anteriores ocasións”. Con esta nova proba, O Marisquiño 2021 xa conta cinco disciplinas: MTB Downtown, skate, BMX, basket 3×3 e break dance.

No relativo ao concurso, a organización remarcou que a participación está aberta a “todos os riders de skate e BMX que o desexen“, quen poderán subir un clip ou unha ‘insta-story’ co seu mellor truco ata o próximo 26 de xuño, coas etiquetas @omarisquino e @pannini_droetker e o hashtag #OMRAW.

O concurso, que na súa anterior edición contou con participación nacional e internacional, está dividido en catro roldas de 15 días cada unha. Tras cada rolda, un xurado escollerá dous trucos de cada categoría, para despois sometelos a votación pública a través do Instagram do festival. As finais serán entre o 1 e o 4 de xullo e en total repartiranse 4.000 euros en premios.

O festival celebrará a súa vixésima edición entre o 6 e o 8 de agosto. O evento manterá o seu carácter gratuíto, aínda que a situación sanitaria e as condicións de seguridade “marcarán os protocolos de asistencia de público, que se verá limitada” –de feito haberá tres espazos burbulla en diferentes contornas da cidade–.

SEGURIDADE

Nun comunicado, a Autoridade Portuaria de Vigo tamén manifestou que “continúa traballando de xeito conxunto cos promotores do festival co obxectivo de garantir unha edición segura, tanto para o público en xeral como para os participantes, e que conte con todas as garantías sanitarias”.

Así, indicou que “seguirá apoiando” á organización de O Marisquiño “coa cesión de espazos de dominio público portuario, a condición de que se cumpra con todas as garantías sanitarias e de seguridade esixidas”.

A edición deste verán será un O Marisquiño que tivo en conta a situación pandémica desde o inicio da planificación, de modo que poida ter unha celebración 100 por cen segura e anticovid”, concluíu.