InicioPolíticaVigo suma outros 13 millóns de remanentes para gasto público co 'non'...

Vigo suma outros 13 millóns de remanentes para gasto público co ‘non’ da oposición

Caballero saca en solitario esta proposta ante a negativa en bloque de Marea, BNG e PP.

PUBLICADO O

A Corporación de Vigo aprobou, cos votos en contra de toda a oposición, unha modificación de crédito para incorporar 13 millóns de euros procedentes de remanentes aos investimentos de 2021. Esta iniciativa recibiu a súa aprobación definitiva no pleno extraordinario celebrado na mañá deste martes, no que o grupo socialista sacou adiante a proposta grazas á súa ampla maioría.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, remarcou que esta modificación de remanentes supón agregar 13 millóns de euros aos 36 millóns tamén procedentes de remanentes cuxo uso foi aprobado a finais do pasado ano para diversas obras. “Continuamos nesa liña de investimento masivo na cidade, somos un modelo de acción política”, destacou.

Aneiros lembrou, como xa adiantou en ocasións previas o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que estes fondos servirán para acometer, entre outras actuacións, a segunda fase das ramplas de Gran Vía (entre as rúas Venezuela e Nicaragua). Así mesmo, destinaranse 3 millóns de euros á construción do ascensor ‘halo’ que comunicará a zona de García Barbón co complexo de Vialia, e o investimento completarase con outros 4 millóns o ano que vén.

Estes remanentes tamén irán destinados a provisionar partidas para outras actuacións, como o Paseo de Bouzas, o pavillón de Quirós, os campos da Guía e Fragoselo, e diversas humanizacións.

OPOSICIÓN

Por parte do BNG, Xabier Pérez Igrexas, considerou que esta proposta do Goberno local é “negacionista”, posto que “propón usar os remanentes coma se non houbese unha pandemia e unha dura crise social e produtiva”. Neste sentido, tras criticar que “insistiron en dicir que non a todas as propostas da oposición”, considerou que as accións expostas “só van multiplicar a propaganda oficial”.

De forma similar, o edil da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou “o discurso erróneo” do PSOE, xa que fala de “obras inaprazables” en referencia a “cambiar un céspede dun campo de fútbol”. “Para nós o inaprazable é que as familias coman, botar unha man ao comercio e a hostalaría local, completar o catálogo de axudas sociais e axudas ao sector cultural”, resolveu.

Finalmente, o portavoz do PP Alfonso Marnotes, lamentou que o Goberno local deixou en 2020, en plena pandemia, case 120 millóns de euros do orzamento sen executar. Tras iso, insistiu en que “hai dúas diferenzas” entre o Goberno de Vigo e os outros gobernos socialistas de Galicia: “Eles negáronse a entregar os remanentes a Madrid e eles si están a axudar ás empresas das súas localidades, todos menos vostede, vostede é unha anomalía política”.

En resposta ás cuestións denunciadas por PP, Marea de Vigo e BNG, Aneiros lamentou a “actuación coral do tres tenores da oposición”, e considerou que con iso “cada un trata de esconder as súas vergoñas”. En contrapartida, defendeu que Vigo usa os remanentes “para xerar emprego e mellorar a calidade de vida das persoas”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...