A CUT denuncia o ERTE aprobado en marzo en Stellantis Vigo por “nulo de pleno dereito” ou “inxustificado”

Alude a "defectos formais" e "ausencia de causa xustificativa" e critica o seu "carácter discriminatorio" e que non se negociou de boa fe. A empresa suspende parte da súa actividade o domingo e na mañá do luns pola crise de microchips.

Stellantis.

A CUT presentou no Xulgado do Social de Vigo unha demanda contra o expediente de regulación de emprego temporal (ERTE) por causas organizativas e de produción que se aprobou na planta de Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) a finais de marzo co apoio dos sindicatos SIT-FSI, UGT e CC.OO.

Na demanda, o sindicato considera que o ERTE “é nulo de pleno dereito, ou subsidiariamente inxustificado, tanto pola concorrencia de defectos formais como pola ausencia de causa xustificativa (polo menos para o número de traballadores afectados”; así como polo seu “carácter discriminatorio” e “porque a empresa non respectou o fundamental principio de negociar de boa fe”.

No relativo á “inexistencia de causa justificativa do ERTE”, o sindicato indica que a empresa alude a causas organizativas ou produtivas, con todo, “excepto ao que se refire á crise dos semiconductores, o resto de causas alegadas pola empresa non son en absoluto certas e reais no momento que se tramita o ERTE“.

Así as cousas, segundo a CUT, este é “un ERTE preventivo, baseado en meras hipóteses e suposicións”, como un “posible” impacto dunha cuarta onda do virus, “previsións económicas que poden ser críticas” se se atrasa o proceso de vacinación e “unha posible baixada de venda de vehículos”.

Ademais, sobre a crise dos semiconductores –a planta tivo que paralizar a súa produción en varias ocasións este ano por problemas de subministración de compoñentes con microchips–, censura que a empresa non respondeu á súa petición de que concretase en que pezas hai desabastecemento e que modelos están afectados por esta situación, xa que diso “dependerá, claramente, o número e individualización dos traballadores afectados pola medida”.

OUTROS PUNTOS DA DEMANDA

O sindicato tamén entende na súa demanda que o ERTE ten “carácter claramente discriminatorio, pois só afecta os traballadores con xornada completa, deixando fóra do mesmo, sen ningún motivo ou xustificación dada pola empresa no proceso de negociación formal, aos contratados a tempo parcial”.

Así mesmo, considera que aínda que o expediente se solicita para 3.643 traballadores, “non aparece especificado cales son os traballadores que finalmente se verán afectados”. Neste sentido, a CUT apunta que “queda ao pleno arbitrio da empresa non só os días concretos en que se aplicará a suspensión dos contratos, senón tamén os concretos traballadores que se verán afectados“.

Incide, igualmente, en que “a empresa incumpriu os requisitos formais establecidos no Estatuto dos Traballadores” e en que houbo pola súa banda unha “falta de boa fe” na negociación.

Finalmente, a CUT inclúe na demanda que, “de non apreciarse a nulidade ou inxustificación do ERTE no seu conxunto, si debe declararse a nulidade ou improcedencia dalgunha das súas cláusulas”.

NOVA PARADA NA PRODUCIÓN

A factoría viguesa do grupo Stellantis volverá suspender parte da súa actividade produtiva este domingo e na mañá do luns debido a problemas de subministración derivados da falta de microchips (semiconductores), segundo informaron fontes da planta.

Así, a empresa comunicou na tarde deste venres a sindicatos e traballadores que se suspende a produción do sistema 2 (o que monta as furgonetas) na xornada do domingo, 2 de maio, e na quenda de mañá do luns, día 3.