InicioSucesosUn veciño de Oia condenado a case 15 anos de prisión por...

Un veciño de Oia condenado a case 15 anos de prisión por narcotráfico e apuntar cunha arma á comisión xudicial nun rexistro

Ademais deste home, outras seis persoas afincadas en Oia, Tomiño e Tui, que foron xulgadas con el, foron condenadas a diferentes penas por tráfico de drogas, integración en grupo criminal e tenencia ilícita de armas.

PUBLICADO O

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a case 15 anos de cárcere a J.M.F.M., un veciño de Oia  ao que se considera autor dun delito de tráfico de drogas, outro de tenencia ilícita de armas e outro de atentado (por ameazar cunha arma á comisión xudicial cando efectuaba o rexistro da súa vivenda).

Ademais deste home, outras seis persoas afincadas en Oia, Tomiño e Tui, que foron xulgadas con el, foron condenadas a diferentes penas por tráfico de drogas, integración en grupo criminal e tenencia ilícita de armas.

O tribunal provincial considera probado que tres dos acusados, J.T.D., a súa parella S.M.C e H.T.G., formaban un grupo criminal dedicado á distribución de drogas.

Por outra banda, na súa sentenza enténdese que unha cuarta acusada, L.D.P., parella de H.T.G., actuou como cómplice no delito de tráfico de drogas, atendendo as chamadas de clientes destinadas ao seu noivo.

A Audiencia tamén considera probado que o grupo criminal era abastecido de droga por parte de M.A.C, que á súa vez tamén se dedicaba ao tráfico de estupefacientes, coa colaboración de M.M.V. O círculo pechábase co sétimo acusado, J.M.F.M., que fornecía de drogas a M.A.C.

Nos rexistros das vivendas e garaxes dos procesados atopáronse armas, teléfonos móbiles, básculas, droga, sustancias de corte, etc. De feito, só na vivenda de J.M.F.M. foron localizados máis de 4 quilos de cocaína.

DELITOS E PENAS

A sentenza resolve impor a J.T.D. (no que concorre a circunstancia agravante de reincidencia) penas que suman 9 anos de prisión e multa de 3.000 euros, polos delitos de integración en grupo criminal, tráfico de drogas e tenencia ilícita de armas. Así mesmo, atribúe á súa parella os mesmos delitos, e a condena a penas que suman 7 anos e medio de cárcere, e a mesma multa.

A H.T.G. o tribunal considérao autor dun delito de integración en grupo criminal e outro de tráfico de drogas, e senténciao a 3 anos e 9 meses de prisión; mentres que á súa parella, L.D.P., considéraa cómplice no delito de tráfico de drogas e imponlle 1 ano e 9 meses de cárcere.

Con respecto a M.A.C., a Audiencia condénao a penas que suman 10 anos e medio de cárcere, e multa de 300.000 euros, por un delito de tráfico de drogas e por tenencia ilícita de armas; e a M.M.V. imponlle 3 anos e 9 meses de cárcere, e multa de 5.000 euros por tráfico de drogas.

Finalmente, a sentenza recolle a maior penalidad para J.M.F.M., ao que acusa dun delito de tráfico de drogas (coa agravante de reincidencia), outro de tenencia ilícita de armas e un de atentado, xa que o procesado, cando a comisión xudicial atopábase na súa vivenda de Oia realizando un rexistro, tomou unha escopeta que tiña oculta e encañonó e ameazou aos presentes, ata que os axentes da Garda Civil lograron quitarlle a arma.

Por todo iso, a sentenza da Audiencia imponlle penas que suman 14 anos e 10 meses de prisión, así como multa de 300.000 euros polo tráfico de drogas e multa de 2.100 euros polo delito de atentado.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...