InicioSociedadeA 'querela arxentina' contra crimes do franquismo suma en Vigo outras cinco...

A ‘querela arxentina’ contra crimes do franquismo suma en Vigo outras cinco denuncias

Presentan formalmente as denuncias no Consulado de Arxentina. Os achegados das vítimas lamentan a "pasividade" do Estado español e reclaman "verdade e reparación".

PUBLICADO O

Os familiares doutros cinco galegos represaliados polo réxime franquista sumáronse este xoves formalmente á causa criminal 4.591/2010, coñecida como a ‘querela arxentina’, que se instrúe nun xulgado de Buenos Aires, coa presentación formal das súas denuncias no Consulado de Arxentina en Vigo.

Así, acompañados pola deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, pola avogada Jana Calero (de Avogados Novos de Vigo) e por representantes do Comité Español de Apoio á Querela Arxentina (CeaQua), os familiares de Celestino Carbia, Bernardo Mato, Carlos Abella, José Lijó e José Sieira fixeron efectiva a súa adhesión a esta causa en busca de “verdade, xustiza e reparación”.

Manuel Carbia, neto de Celestino Carbia (exalcalde de Valga fusilado en 1937), subliñou que as familias queren “continuar o labor que comezou Darío Rivas en Arxentina”, un país que, en “pouco tempo” puido xulgar a cargos da ditadura, mentres que en España, “despois de 80 anos os franquistas aínda seguen nas institucións”. Ademais, puxo en valor que esta loita fose impulsada “por mulleres”, como a deputada María Ortega.

Pola súa banda, Iria Morgade, bisneta de Bernardo Mato (interrogado por falanxistas e liberado “moribundo” nun monte en 1936), lamentou que o seu familiar foi durante anos “unha sombra” da que non se falaba. “Estamos aquí porque queremos que a miña avoa e a miña bisavoa teñan a verdade, algo que non lle deu o Estado español, que abandonou as vítimas do seu xenocidio”, explicou.

Na mesma liña, Dolores Sanlés, neta de José Sieira (asasinado en 1937 pola súa vinculación coa CNT), afirmou que a día de hoxe a súa nai “aínda ten medo” porque é “filla dun roxo”. Visiblemente emocionada, lembrou que a súa familia chegou a queimar cartas e documentos, aínda que ela conseguiu recuperar un diario e unha carta do seu avó que foi localizada nun faiado e na que pedía aos seus “camaradas” que coidasen da súa muller e fillos e “loitasen por unha Ribeira libre”.

Nela Abella, en representación de Carlos Abella (sindicalista da CNT a quen conmutaron a pena de morta por cadea perpetua), subliñou que a adhesión á querela é unha “oportunidade de desagravio”, que deberían realizar os sucesivos gobernos españois.

Finalmente, Andrés Lijó, sobriño de José Lijó (asasinado por ser sindicalista), afirmou que este paso ante a xustiza pretende “facer ver ao mundo” o que pasou e mostrou a súa esperanza de que a xustiza arxentina permita coñecer a verdade e “que se depuren responsabilidades“.

OUTRAS DENUNCIAS

A presentación das denuncias deste xoves son a continuación da iniciativa que hai unhas semanas tiveron as familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz, que tamén se sumaron á ‘querela arxentina’ con apoio da Deputación de Pontevedra. “Agora presentamos cinco máis, en base á defensa da xustiza universal, contra crimes de lesa humanidade, xa que a xustiza española non está a prol de que isto se faga aquí”, explicou o portavoz de CeaQua, Celso López.

Jana Calero, de Avogacía Nova Viguesa, sinalou que existe neste colectivo un equipo de traballo específico para memoria histórica, centrado en preparar estas querelas contra crimes do franquismo. “Vémonos obrigados a presentalas en Arxentina ante a pasividade do Estado español, que sistematicamente arquiva todas as querelas que se interpoñen“, incidiu.

Así mesmo, aseverou que a ‘querela arxentina’ ten máis de 10 anos de tramitación ás súas costas e centos de adhesións e, a pesar dos problemas de saúde da xuíza instrutora (María Servini) e as dificultades para obter documentación (acentuadas pola pandemia de COVID), a intención é “mantela viva por enriba de todo”. “Non fai falla que busquemos usuarios, porque son moitísimas as familias que están interesadas en facer valer a verdade, a xustiza e a reparación polos crimes contra os seus achegados”, recalcou.

ÚLTIMAS

Vigo rexistra as máximas choivas de España nunha semana na que os encoros galegos seguen ao 88%

A reserva dos encoros galegos mantense no 87,6%, cun total de 3.253 hectómetros cúbicos,...

O BNG pide grupos e artistas locais en Castrelos, tamén como teloneiros, no canto do “autobombo” do alcalde

O grupo municipal do BNG en Vigo volveu a pedir un ano máis que o Concello...

A CIG denuncia que Constellium Automotive está “a vulnerar o dereito á folga” ao contratar persoal externo

O sindicato CIG denunciou este martes que a dirección de Constellium Automotive, auxiliar de...

Condenada a 2 anos e 4 meses de cárcere por estafa unha muller que cobraba fianzas de falsos alugueres en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...