InicioSociedadeA Universidade de Vigo ofertará o próximo curso un grao de Filoloxía...

A Universidade de Vigo ofertará o próximo curso un grao de Filoloxía Aplicada Galega e Española

Haberá 50 prazas dispoñibles.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo contará a partir do próximo curso cun novo grao, que virá renovar a súa oferta no ámbito das Humanidades, o de Filoloxía Aplicada Galega e Española, para o que haberá 50 prazas dispoñibles, e que substituirá o grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios.

A nova ‘carreira’ distribúe os estudos en dous ciclos, un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo ciclo doutros dous anos para a formación máis especializada.

Ademais do galego e o español, os alumnos cursarán dous idiomas modernos, a elixir entre alemán, francés, inglés ou portugués, e a formación complétase coa incorporación de Lingua de Signos nun módulo optativo de especialización.

A nova titulación ten un marcado carácter aplicado e práctico e, segundo apuntou o decano da Facultade de Filoloxía e tradución, José Montero, que sinalou que, ademais das prácticas externas, no Traballo de Fin de Grao recóllese de modo “explícito” esa orientación.

Ademais, a estrutura do grao permite compartir 90 créditos comúns con outra titulación que se imparte nesta facultade, a de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e español. A isto engádese a posibilidade de libre deseño do currículo por parte do alumnado.

GRAO “MODERNO” E IMPORTANCIA DAS HUMANIDADES

O decano da Facultade de Filoloxía e Tradución destacou que o novo título, aínda que “asentado na tradición”, “mira cara ao porvir” para que os alumnos poidan adquirir as competencias filológicas necesarias para aplicalas de forma práctica.

Así mesmo, lembrou que, co informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), culmínase un proceso de dous anos e medio, “complexo e difícil”, ata chegar a poder ofertar este grao na UVigo.

Pola súa banda, o reitor da institución académica viguesa, Manuel Reigosa, trasladou o seu “orgullo” polo traballo realizado pola Facultade para articular “un grao moderno, que inclúe aspectos aplicados que multiplican a capacidade do alumnado”.

Ademais, o reitor recalcou que unha unversidade ten que aspirar a ter un catálogo de titulacións que inclúa as Humanidades, “que xogan, xogaron e xogarán un papel transcendental na formación da conciencia crítica da sociedade, e que supoñen unha parte moi importante do progreso”.

ÚLTIMAS

Acampada pola Vivenda de Vigo destaca a boa acollida da veciñanza: “traen comida e outros materiais”

A Acampada pola Vivenda de Vigo mantense na Praza de Compostela da cidade e,...

Cargos de Vox critican o “acoso” que sofren e van á Acampada de Vigo a buscar bulla

Vox denunciou este mércores os "episodios de violencia" que tiveron que sufrir nos últimos...

O BNG denuncia os salarios “estratosféricos” que propón o goberno de Caballero

O BNG de Vigo mostrou este mércores a súa oposición á subida do 5,5%...

Caballero pide reunirse xa con Xunta e Deputación sobre o financiamento do Mundial e esta pídelle coñecer proxectos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a insistir en pedir un encontro coa...