O comité de persoal do Concello de Vigo di que “a loita segue en pé” trala marcha de Espinosa

Representantes dos traballadores reciben con escepticismo o anuncio do alcalde sobre a retirada de atribucións en materia de Recursos Humanos a Elena Espinosa. A oposición ve isto como un "cesamento encuberto".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira Elena Espinosa, na sala de Xestión da Mobilidade do Concello / Concello de Vigo.

O comité de persoal do Concello de Vigo recibiu con escepticismo o anuncio do alcalde sobre a retirada de atribucións en materia de Recursos Humanos a Elena Espinosa, e advertiu de que “a loita segue en pé” para demandar unha mellor xestión nesta área e para esixir que se free o “desmantelamento” dos servizos públicos municipais, á vez que sinalaron que o nomeamento de Patricia Rodríguez Calviño como nova edila de Persoal non é máis que “un cambio de cromos”.

Así o trasladou o vicepresidente do comité, Enrique Alonso, quen advertiu de que “non deben cambiar as caras, senón as políticas” e lembrou que todos os concelleiros de Persoal dos últimos anos “seguiron a mesma liña”.

“Nós o que facemos é denunciar o caos da xestión do Persoal e o desmantelamento dos servizos públicos municipais. A nosa loita segue en pé“, advertiu, e criticou que o comité leva desde finais do ano pasado esperando ser recibido polo alcalde.

Enrique Alonso sinalou que esperan poder reunirse con Patricia Rodríguez proximamente e “aí verase a súa actitude”. “Esperamos que se normalice a situación porque, nos últimos tempos, xa non pedimos nin sequera pedimos melloras, senón que se cumpra a lei”, aseverou.

REACCIÓNS DA OPOSICIÓN

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, afirmou este venres que “o alcalde desautorizou a Elena Espinosa, que non podía seguir sendo concelleira de Persoal, despois da sentenza sobre enchufes e nomeamentos a dedo“. “Houbo máis sentenzas, foi un auténtico caos a súa xestión desde que tomou posesión (…) por fin o alcalde fixo o correcto”, sinalou.

Segundo incidiu, “agora o que fai falta é que haxa un cambio de rumbo” nese departamento municipal e que, “por fin, se tomen as decisións de acordo á lei”.

O portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, tachou de “ridículo” que o alcalde pretenda “vestir” como unha remodelación do goberno o que é “un cesamento encuberto dunha moi mala concelleira de Persoal”.

Rubén Pérez lamentou a “incapacidade manifesta” de Espinosa para resolver de forma “democrática” as cuestións de persoal no Concello, e así se evidencia nas resolucións xudiciais. “Esperamos que a nova concelleira non teña o mesmo talante (…) e que non tente ningunear a un comité de empresa que se sentiu moitas veces humillado nas mesas negociadoras”, resolveu.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, valorou a “substitución” de Espinosa, aínda que sexa “tarde” e cualificouno como un “acerto” dada a súa xestión, que “a confirmou como un verdadeiro obstáculo” para resolver os problemas. “Non só non propiciaba solucións, senón que se converteu en parte importante do problema, bloqueando calquera posibilidade de negociación”, apuntou, e reclamou “un cambio de talante”.