InicioPolíticaAbel Caballero retira a Espinosa as atribucións de Persoal en pleno conflito...

Abel Caballero retira a Espinosa as atribucións de Persoal en pleno conflito co comité de persoal

O comité de persoal en pleno chegou a pedir o cesamento de Espinosa, e denunciou que "non só é nefasta a xestión en materia de Persoal" senón que "non se cumpre a legalidade".

PUBLICADO O

A concelleira socialista Elena Espinosa deixará as súas responsabilidades na área de Persoal do Concello de Vigo, segundo anunciou este venres o alcalde, Abel Caballero, e faino en pleno conflito co comité de persoal e cando xa se acumularon varias sentenzas que cuestionan a actuación municipal neste ámbito (aínda que non todas se derivan da xestión de Espinosa).

O rexedor olívico confirmou en rolda de prensa a súa decisión de “reformar” a concellaría que lidera Elena Espinosa e que, ata agora, levaba Empresa, Economía, Seguridade e Organización Municipal. Así, a partir deste momento a concelleira socialista centrarase nas áreas de Economía e Empresa, porque o Concello ten que “redobrar a súa atención” a estes ámbitos, debido a que optará a fondos europeos de recuperación económica Next Generation, mentres que a edila Patricia Rodríguez Calviño asumirá a área de Persoal (que suma á súa responsabilidade en Patrimonio e Xestión Municipal).

No entanto, e a pesar das explicacións de Caballero, o certo é que a xestión de Elena Espinosa á fronte de Organización Municipal suscitou duras críticas por parte dos representantes dos traballadores que, por primeira vez, uníronse (o seis sindicatos distintos) para denunciar o “caos” das políticas de recursos humanos e o “desmantelamento dos servizos públicos”.

De feito, o comité en pleno chegou a pedir o cesamento de Espinosa, e denunciou que “non só é nefasta a xestión en materia de Persoal” senón que, “o máis grave”, é que “non se cumpre a legalidade”.

Así, desde hai meses o Concello está a acumular na súa contra resolucións xudiciais que cuestionan medidas como o decreto que suspendía os descansos dos bombeiros (anulado por sentenza), o decreto de servizo mínimos pola folga neste servizo (tamén anulado), o nomeamento de xefes de servizo e altos funcionarios sen respectar os principios de mérito e capacidade, o pago incorrecto das horas extras, etc. (aínda que non todas as sentenzas refírense a conflitos suscitados durante o exercicio de Elena Espinosa).

Desde que Abel Caballero é alcalde de Vigo (2007), ostentaron a responsabilidade de dirixir a área de Persoal do Concello tres concelleiros socialistas: Carlos López Font, Francisco Javier Pardo e Elena Espinosa.

EXPLICACIÓN DE ABEL CABALLERO

O alcalde xustificou esta reorganización do seu goberno alegando a necesidade de concentrar esforzos na área económica e nos proxectos que optarán a fondos europeos. “Téñoa que liberar de Persoal (a Espinosa)”, aseverou.

De feito, preguntado polos medios acerca de se o nomeamento dunha nova concelleira de Persoal contribuirá a normalizar as relacións co comité, o alcalde proclamou que “o importante” do cambio é a atención aos proxectos europeos. “Iso é do que eu quero falar. A Xunta tenta interferir para que Vigo non teña proxectos, e voulle a rebentar esa iniciativa. E Elena xogará un papel fundamental nesa dimensión”, sentenciou.

Abel Caballero reiterou que, dado que Núñez Feijóo “non está presente na cidade”, el mesmo está a asumir o labor de “presidente da Xunta na área de Economía” en Vigo. “Feijóo abandonou á cidade. Non sabemos del hai meses”, denunciou, e puxo como exemplo as iniciativas que, como presidente da Zona Franca, está a liderar para obter fondos da UE, como a planta de baterías, a planta de fotóns ou a de hidróxeno verde.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...