InicioCulturaMúsica e cinema en directo arrouparán a voz de Xela Arias no...

Música e cinema en directo arrouparán a voz de Xela Arias no MARCO

Será este sábado, ás 19,30 horas, e o domingo, ás 12,30 horas.

PUBLICADO O

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acollerá este fin de semana a preestrea de ‘Vencerse é cousa de tratarse’, unha proposta escénica de Fernando Abreu, con música e cinema en directo, e que contará coa voz de Xela Arias recitando os seus poemas, grazas ás gravacións que ela mesma realizou en 2003 cando preparaba a presentación do seu último libro, ‘Intempériome’.

Este proxecto conta coa participación, ademais de Fernando Abreu, do músico Pablo Carrera e a actriz e cantante Mónica de Nut, e complétase coa presenza no escenario de Roi Fernández, creando cinema en directo. ‘Vencerse é cousa de tratarse’ poderá gozarse no MARCO este sábado ás 19,30 horas e o domingo ás 12,30 horas (previa reserva, debido á limitación de capacidade pola situación sanitaria).

Na presentación desta proposta, Fernando Abreu explicou que, en 2003, propuxo a Xela Arias (homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas) gravarse recitando os seus poemas, cando ambos estaban a preparar a presentación do último libro da poeta. Aquela iniciativa truncouse pero quedaron as gravacións, e agora o músico acabou aquel proxecto.

O fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias, subliñou que este traballo de Fernando Abreu é un “diálogo” entre varias formas de arte, unha peza de “vangarda” que respecta a visión da poeta sobre a confluencia das manifestacións artísticas. “Non teño capacidade para xulgar o proxecto, pero estou seguro de que é unha proposta honesta con esta visión da miña nai”, afirmou.

Finalmente, o alcalde da cidade, Abel Caballero, trasladou o “apoio total” do Concello de Vigo a esta proposta de Fernando Abreu, que é un “acto de transgresión” e supón unha “ruptura do espazo-tempo” ao traer a voz de Xela Arias ao presente, nun espazo, como o MARCO, que está aberto á “cultura incluyente”.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...