InicioMedio Ambiente e PatrimonioDescobren unha segunda fábrica de salgadura e restos de ocupación prerromana na...

Descobren unha segunda fábrica de salgadura e restos de ocupación prerromana na illa de Ons

Esta actuación conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e está enmarcado no proxecto de investigación 'Galtfish', cuxo obxectivo é estudar a explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

PUBLICADO O

O equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (UVigo) descubriu unha segunda fábrica de salgadura e restos de ocupación prerromana durante a intervención arqueolóxica que iniciou o pasado luns no xacemento romano da praia de Canexol, na Illa de Ons.

Así o comunicou a universidade viguesa, tras a finalización da intervención arqueolóxica de limpeza, rexistro e sondaxes, dirixida polo arqueólogo Adolfo Fernández. O experto destacou que a valoración final sobre esta actuación “é positiva”, xa que se conseguiu “moita información sobre as fábricas de peixe romanas de Ons”.

En concreto, no marco desta intervención limpouse o cantil da praia de Canexol para rexistrar os restos arqueolóxicos, algúns dos cales “se perderon froito da erosión mariña”. Así, definíronse e caracterizaron boa parte dos restos da fábrica de salgadura de peixe cuxa existencia xa se coñecía.

Ademais, localizouse unha segunda fábrica de salgadura “varios metros máis ao norte da primeira”. Nesta factoría documentouse un pequeno depósito feito con morteiro de cal e cuarzo, que “puido servir para fabricar tintura púrpura”.

A partir dos traballos realizados, constatouse que ambas as fábricas contaban con patios abertos para preparar o peixe e elaborar os produtos finais. Así mesmo, entre ambas existe unha “gran estrutura” que se utilizou como rampla ou escaleiras para comunicar esta contorna coa praia e que serviría para subir a pesca.

A estes descubrimentos engaden a recuperación “dunha importante colección de fauna” depositada cando a fábrica xa non funcionaba como conserveira. “Grazas a isto, imos poder reconstruír as especies animais para consumo que existían na Illa de Ons durante a época romana”, explicou Fernández.

OCUPACIÓN PRERROMANA

Noutra sondaxe realizada no marco destas actuacións tamén se localizou unha ocupación na costa, previa á construción das fábricas romanas. Trátase dunha construción de entre finais do século I antes de Cristo e principios do século I despois de Cristo.

“É un achado importante, xa que demostra que os poboadores do castro ou Castelo dos Mouros, situados a poucos metros do xacemento, tamén edificaron estruturas xunto á praia, posiblemente como apoio das tarefas de explotación dos recursos mariños”, explicou o líder da intervención arqueolóxica.

PROXECTO ‘GALTFISH’

Esta actuación conta co apoio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e está enmarcado no proxecto de investigación ‘Galtfish’, cuxo obxectivo é estudar a explotación dos recursos mariños na costa galega en época romana.

Dentro deste proxecto, financiado pola Unión Europea, xa se realizaron intervencións noutros xacementos costeiros como Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e Praia do Naso (Illa de Arousa). Así mesmo, estudouse o forno oleiro de ánforas romanas localizado en Pescadoira (Bueu).

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...