InicioSociedadeCaballero di que "respecta" a condena ao exalcalde pedáneo de Bembrive

Caballero di que “respecta” a condena ao exalcalde pedáneo de Bembrive

Pola súa parte, o PP vigués lembra que foron eles os que denunciaron a situación "hai anos".

PUBLICADO O

O rexedor de Vigo, Abel Caballero, trasladou o seu “respecto ás decisións xudiciais” ante a condena imposta por prevaricación ao exalcalde pedáneo de Bembrive Roberto Ballesteros, mentres o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lembrou que o seu partido denunciou esta situación “hai anos”.

Durante unha rolda de prensa celebrada en Santiago, Tellado lembrou que membros do PPdeG visitaron o lugar “hai anos” para denunciar esta situación e pedir a dimisión de Ballesteros, pero “afíns” de Abel Caballero e o PSOE de Vigo “boicotearon unha comparecencia pública de cargos electos”.

“Agora a xustiza dános a razón e decreta a entrada en prisión da man dereita de Caballero na zona, o que demostra que as prácticas caciquiis do alcalde de Vigo non sempre escapan á xustiza”, aseverou.

Pola súa banda, preguntado polos medios, Abel Caballero rexeitou valorar a sentenza, xa que, segundo afirmou, descoñece o seu contido. Con todo, remarcou o seu “respecto” ás decisións xudiciais. “Non coñezo a sentenza, máis aló do que din os xornais, non a podo valorar. Pero eu respecto moitísimo as decisións xudiciais, teñen todo o meu respecto“, insistiu o alcalde da urbe olívica.

SENTENZA

En concreto, a Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a Roberto Ballesteros, exalcalde pedáneo de Bembrive, a 2 anos e dous meses de prisión e 7 anos de inhabilitación para cargo e emprego público por un delito de falsidade, en concurso medial cun delito de malversación e un delito de prevaricación, por pagar unha obra non executada.

Así mesmo, condenou a un ano e 15 días de prisión a un construtor, J. Q. G., polo delito de falsidade en concurso cun delito de malversación, en concepto de cooperador necesario. Ademais, no seu caso condénao a tres anos e un día de inhabilitación para cargo ou emprego público.

XULGADOS DE GARDA 24 HORAS

Abel Caballero tamén criticou este venres ao goberno da Xunta que “di que non” á apertura 24 horas do xulgado de garda na cidade, a pesar de ser unha “demanda histórica” que xa conta co visto e prace da xunta de xuíces, do TSXG e do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico lamentou que a Xunta non queira “asumir” o custo de dispor dese servizo e cuestionou a utilidade do goberno galego se, cando hai que pór recursos para algo “tan importante”, “di que non”. Iso si, ironizou Caballero, os dirixentes autonómicos “visitan as obras da Cidade da Xustiza dúas veces ao día, e todo son fotos continuas”.

Abel Caballero incidiu na importancia que ten un servizo destas características para os cidadáns, especialmente para vítimas de violencia de xénero, e enmarcou a “negativa” da Xunta no conxunto de “desatinos” do goberno de Feijóo coa cidade olívica.

Así, citou exemplos como a paralización, por parte da Xunta, da obra de ‘humanización’ de García Barbón, ou a ausencia de orzamento e de disposición da Xunta para construír un instituto no barrio de Navia.

ESCOLA SANTA MARTA

Por outra banda e a preguntas dos medios, o alcalde confirmou que o goberno local reservou unha partida de 700.000 euros para acondicionar o edificio do Instituto Municipal de Educación, na zona do Chouzo, que acollerá aos nenos e educadoras da Escola Municipal Infantil Santa Marta.

Segundo informou, o goberno xa está “a encargar” o proxecto e está previsto que os traballos no edificio estean concluídos a finais deste ano. Respecto diso, lembrou que será a escola infantil con máis espazo da cidade e que, cando acaben as obras de urbanización do Barrio do Cura, reabrirase o centro educativo no Casco Vello, co que abrá dúas escolas novas, porque a do Instituto Municipal de Educación será permanente.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...