InicioEconomíaO BNG presentará iniciativas en apoio á actividade naval de Vulcano

O BNG presentará iniciativas en apoio á actividade naval de Vulcano

O Bloque pide que os representantes institucionais no Consello de Administración do Porto rexeiten a resolución da concesión.

PUBLICADO O

O BNG presentará diversas iniciativas no Congreso, o Parlamento galego e o Concello de Vigo para pedir o apoio do PP e o PSOE para “asegurar a continuidade da actividade de construción e reparación naval” nas antiga Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique) e apoiar que “é indispensable que siga a actividade naval” neste estaleiro.

Así se pronunciaron a deputada do Bloque, Carmela González, e o concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, tras manter un encontro co comité de empresa da antiga Vulcano en relación á sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición que avala a extinción da concesión deses terreos.

Trátase dunha situación ante a que os traballadores reclamaron “un compromiso real” dos distintos partidos políticos. Neste contexto, lembraron que a directiva do estaleiro anunciou que estudaba 37 propostas de construcións e reparacións por un total de 240 millóns, aínda que, “por esta indecisión sobre a concesión”, dous posibles contratos xa “caeron”.

Pérez Igrexas considerou que a situación “é resultado de dous factores”, por unha banda unha “ofensiva deliberada, descarnada, por parte do PP na persoa de Enrique López Veiga”; e doutra banda pola “complicidade do Goberno español, do Partido Socialista e Unidas Podemos, a través da súa participación coa Avogacía do Estado”.

Neste marco, indicou que o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, presentou no Congreso dos Deputados un paquete de medidas polo que insta o Goberno español “a que tome todas as medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade e o emprego ligado ao sector naval”.

Pola súa banda, Carmela González manifestou que o Bloque vai levar varias iniciativas ao Parlamento de Galicia “para que o PP e o PSOE se sitúen e aclaren cal é o futuro que queren para Vulcano”. “Non pode ser que esteamos por evasivas, que non nos situemos e isto siga avanzando e o sector naval desapareza da Ría” de Vigo, selou.

ÁMBITO MUNICIPAL

Segundo remarcou Pérez Igrexas, a sentenza “o único que recoñece é a potestade da Autoridade Portuaria de poder resolver a concesión, pero non a dá por finalizada”. “Por tanto, vai facer falta dun procedemento que vai ir a votación no Consello de Administración“, apuntou, insistindo en que o BNG rexeita “de plano a posibilidade que abría o presidente do Porto de que nas instalacións de Vulcano se poida despregar ningún uso que non sexa naval”.

Neste ámbito, indicou que o BNG vai dirixirse ao alcalde vigués, Abel Caballero, que ten representación no Consello de Administración do Porto, para instarlle a que os representantes institucionais do Concello de Vigo e outras institucións públicas en “rexeiten de maneira clara calquera posibilidade de resolución da actual concesión” no dito Consello.

Todo iso, continuou, “mentres non exista garantía expresa e firme de que unha eventual nova concesión desta parcela vai estar ligada si ou si á actividade naval“. Neste sentido, insistiu en que estes representantes públicos “non poden ser cómplices dunha operación escura que o que quere é converter un estaleiro emblemático nunha terminal de colectores”.

VISIÓN DOS TRABALLADORES

Os portavoces dos traballadores do estaleiro, en concreto o expresidente e o exsecretario do comité de empresa, Nicolás Sangabriel e Francisco Guizán, respectivamente, agradeceron o apoio do BNG e reclamaron a outros partidos políticos que apoien o proxecto iniciado polos novos donos da antiga Vulcano, Mariña Meridional.

Nesta liña, lamentaron que dos 37 proxectos que a empresa está en proceso de negociación, “dúas caeron”. Tratábase de proxectos de reparación de barcos de grandes dimensións –uno de 100 metros e outro de 70 metros–, cos que poderían ter “entre 5 e 6 meses de traballo, tranquilamente”.

Ante todo iso, pediron aplicar “o sentido común”, de forma que se manteña o proxecto naval no estaleiro, xa que se trata de “un proxecto con futuro”. “Que non se deixe caer este estaleiro que chegou a ter máis de 1.000 traballadores directos, mentres que unha terminal de colectores pode ter entre 30 e 50”, reclamaron.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...