InicioEconomíaPorto de Vigo sacará a concurso a concesión de Vulcano sen descartar...

Porto de Vigo sacará a concurso a concesión de Vulcano sen descartar “nada”

O organismo portuario iniciará os trámites para executar a extinción da concesión, unha medida que deberá pasar polo Consello de Administración, e que pode levar "un ou dous meses".

PUBLICADO O

O Porto de Vigo confirmou este mércores que redactará un novo prego para sacar a concurso a concesión das antigas Factorías Vulcano (agora Estaleiros San Enrique), e sinalou que “non se descarta nada” para ese espazo, sempre que sexa “un proxecto viable e xere emprego”.

Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, tras recibir a sentenza do Tribunal de Conflitos de Xurisdición que confirma que é o organismo portuario é competente para tramitar a extinción da devandita concesión (de algo máis de 25.000 metros cadrados).

Segundo sinalou, o Porto encargará un informe á Avogacía do Estado para coñecer con detalle a situación xurídica da concesión, tendo en conta de que, cando se produciu a liquidación de Vulcano, as instalacións e a concesión pasaron aos novos donos do estaleiro, Mariña Meridional.

Así mesmo, o organismo portuario iniciará os trámites para executar a extinción da concesión, unha medida que deberá pasar polo Consello de Administración, e que pode levar “un ou dous meses”.

Paralelamente, o Porto redactará os novos pregos para sacar a concurso esa concesión e, aínda que non quixo entrar en detalles, Jesús Vázquez Almuíña insistiu en que calquera proxecto que aspire a desenvolverse nese espazo debe ser “sólido e viable” e xerador de emprego.

“NON DESCARTAMOS NADA”

Cuestionado acerca de se o proxecto de Mariña Meridional encaixaría neses criterios, ou se o Porto opta, tal e como defendeu o seu anterior presidente, Enrique López Veiga, polos usos loxísticos, Vázquez Almuíña rexeitou “falar de preferencias”.

Non descartamos nada, pero ten que ser un proxecto viable. Primarase o investimento e a creación de emprego“, reiterou e subliñou que “o peor” para un Porto é ter unha concesión “sen actividade”.

Por outra banda, tampouco quixo pronunciarse sobre a posibilidade de que Mariña Meridional obteña unha autorización temporal para seguir traballando nas instalacións da antiga Vulcano, aínda que matizou que, se existe esa solicitude, o Porto “está aberto a tramitar calquera petición”.

Con respecto á resolución do Tribunal de Conflitos de Xurisdición, o presidente do Porto de Vigo expresou a súa satisfacción porque a sentenza “deixa todo claro” e permite garantir unha “seguridade xurídica” sobre a xestión das concesións tanto neste como noutros posibles casos.

Vázquez Almuíña confirmou que informará os membros do Consello de Administración sobre a sentenza e sobre os pasos que vai seguir o organismo que preside. Así mesmo, este mércores tamén se reúne cos sindicatos do estaleiro para informarlles da situación.

Mentres, os novos donos de Vulcano gardan silencio, á espera de poder valorar con detalle a resolución xudicial que dá luz verde á extinción da concesión. Fontes da empresa limitáronse a incidir no seu desexo de manter o proxecto industrial de construción e reparación naval.

VALORACIÓNS POLÍTICAS

O grupo municipal Marea de Vigo reclamou, tras o “mazazo” da sentenza, que tanto o Porto como o Ministerio de Industria traballen para “blindar” a actividade de construción e reparación naval en Estaleiros San Enrique. “Non pode ser que, como pasa en Barreras, asistamos ao enterro do sector naval cunha indiferenza abraiante das administracións e de gran parte da sociedade“, denunciou Rubén Pérez.

Por iso, pediu a Vázquez Almuíña que “non sexa cómplice das herdanzas liquidacionistas” de López Veiga e non priorice ao “lobby das empresas loxísticas que queren ‘mangonear’ nos terreos portuarios á súa vontade”.

O concelleiro do BNG no consistorio olívico, Xabier Pérez Igrexas, criticou que a sentenza culmina unha campaña do PP “contra o sector naval”, cuxa finalidade, defendida por López Veiga, era “desaloxar” a actividade naval da bancada de Teis. Por iso, pediu aos ‘populares’ vigueses “que se desmarquen” desa posición e defendan a continuidade do proxecto industrial do estaleiro, a mesma demanda que trasladou á Autoridade Portuaria.

Pola súa banda, Unidas Podemos rexistrou unha proposta no Congreso dos Deputados para que o Porto de Vigo dedique ese espazo a construción e reparación de buques, e lembrou que os novos donos do estaleiro puxeron sobre a mesa “37 propostas de traballo por valor de 240 millóns de euros que devolverían o pulso industrial a Vigo”. “Non se entendería que a Autoridade Portuaria siga pondo paus nas rodas”, sinalou Antón Gómez Reino.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...