InicioEconomíaStellantis presenta un ERTE de 60 días ata fin de ano que...

Stellantis presenta un ERTE de 60 días ata fin de ano que afectará a máis de 3.000 operarios

O motivo é a falta de subministración de microchips e aplicaríase a aqueles empregados a tempo completo e indefinidos; e comezaría despois de Semana Santa.

PUBLICADO O

A dirección da planta de Stellantis en Vigo (antes PSA Peugeot Citroën) expuxo ao comité de empresa a aplicación dun expediente temporal de regulación de emprego con duración de 60 días e que cubriría a 3.749 traballadores (o que non quere dicir que se teña que aplicar necesariamente ese tempo nin que afecte a todos os operarios).

Segundo trasladaron a Europa Press fontes da empresa, esta medida púxose sobre a mesa ante o “problema conxuntural” da falta de pezas que afecta a toda a industria de automoción, derivada da chamada crise dos microchips (semiconductores), e supón dar cobertura legal a un mecanismo que permita afrontar as paradas de produción por eses problemas de subministración.

En todo caso, as mesmas fontes incidiron en que “a afectación”, tanto en número de días como de traballadores, “será baixa”, xa que moitos operarios aínda poden acollerse a outros mecanismos de flexibilidade existentes na fábrica, como a chamada bolsa de horas ou os días de adecuación de xornada.

Así, por exemplo, se se dese a circunstancia de que na primeira parte dese período de regulación houbese que parar 30 días pola falta de subministracións, o ERTE afectaría a un máximo de 250 traballadores en cada un dos dous sistemas de montaxe, segundo a empresa.

A proposta de ERTE da empresa recolle a aplicación a 3.749 traballadores, que son aqueles empregados a tempo completo e indefinidos; e empezaría a aplicarse despois de Semana Santa, cun máximo de 60 días de suspensión, tras esgotar todas as medidas de flexibilidade pactadas.

Os problemas de subministración de pezas que levan microchips obrigaron a suspender quendas de traballo na planta de Stellantis en Vigo en varias ocasións desde principios de ano. De feito, este xoves pararon o tres quendas do sistema M1 –no que se montan o Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301– por problemas de subministración.

SUSPENSIÓN DE PRODUCIÓN DO SISTEMA M1

A planta viguesa do grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) prolonga ata o luns a suspensión de produción no sistema M1, que monta os Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301, debido á persistencia dos problemas de subministración derivados da chamada ‘crise dos semiconductores (microchips)’.

Así o confirmaron  fontes da fábrica, que sinalaron que a actividade nesa liña de produción (que xa está parada este xoves) renovarase na quenda de mañá do próximo luns.

A falta de semiconductores xerou problemas de produción nas fábricas de compoñentes de toda a industria de automoción e, á súa vez, obrigou á realización de paradas nas quendas de traballo da factoría viguesa varias veces desde principios de ano.

POSTURA SINDICAL

En resposta á proposta da empresa, os sindicatos coincidiron en que o ERTE ten que incluír tamén os traballadores con contratos a tempo parcial, tanto fixos como eventuais, xa sexa a través do propio expediente de regulación de emprego ou con outros mecanismos.

Tras a primeira reunión este xoves, está previsto que sindicatos e empresa volvan sentar en próximos días para perfilar o expediente de regulación de emprego. Así, haberá outro tres encontros, os próximos 29, 30 e 31 de marzo.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...