A Xunta cre que o Concello de Vigo quere “tapar un erro” na confrontación pola localización dunha escola infantil

O conselleiro de Educación resaltou a "improvisación" que evidencia o feito de que non se previse a demolición dunha escola infantil a pesar de que a remodelación do Barrio do Cura "leva moito tempo en desenvolvemento".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante a súa comparecencia. XUNTA

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, achacou a un intento de “tapar un erro de planificación” a confrontación do goberno vigués pola localización da escola infantil Santa Marta, que será derrubada no marco da reordenación do Barrio do Cura que leva a cabo na urbe olívica.

Así se pronunciou, durante unha comparecencia ante o Parlamento de Galicia, despois de que a deputada do PSdeG Isaura Abelairas preguntase o motivo polo que a Xunta rexeita autorizar a ocupación provisional dos espazos dispoñibles do CEIP Ramón y Cajal de Vigo.

De feito, a deputada socialista asegurou que neste colexio existen seis aulas baleiras e espazos dispoñibles para a Anpa, así como que no mesmo hai posibilidade de dispor de entradas independentes para os alumnos da escola infantil. Con todo, lamentou que a Xunta se opuxese a trasladar o centro municipal a ese colexio “antes de que se manifestase o consello escolar”.

Precisamente, a pasada semana, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu contra a Xunta por oporse a situar a escola Santa Marta no CEIP Ramón y Cajal e manifestou a súa intención de trasladala ao edificio do Instituto Municipal de Educación (IME), ocupado polo centro de formación de profesorado da Xunta e a Federación Olívica de Anpas (Foanpas).

Mentres, este mércores, o conselleiro de Educación afirmou que os espazos do colexio Ramón y Cajal nos que se busca reacoller aos alumnos da escola infantil son utilizados para prestar servizos de orientación e pedagoxía terapéutica, entre outros. Por iso, preguntouse se se busca “deixar a nenos con necesidades educativas especiais sen unha aula de atención” para “tapar un erro de planificación”.

Nesta liña, Román Rodríguez afirmou que non se pode autorizar o traslado de alumnado da Escola Infantil Municipal Santa Marta de Vigo ao CEIP Ramón y Cajal dado que este último carece de aulas baleiras e defendeu que a Xunta “se puxo a disposición do Concello para situar aos nenos”, pero “era imposible”.

IMPROVISACIÓN

Deste xeito, resaltou a “improvisación” que evidencia o feito de que non se previse a demolición da escola infantil a pesar de que a remodelación do Barrio do Cura “leva moito tempo en desenvolvemento“. Ademais, lamentou que se optou por “buscar culpables” dun “erro” de planificación e comezáronse a “crear unha mentira” e “un relato que se contradí” coa valoración da comunidade escolar e os sindicatos.

Así as cousas, o conselleiro instou ao goberno vigués a “recoñecer o erro” cometido e criticou que “entre en ameazas” e expoña aloxar a escola infantil na IME. Así, reprobou que, ademais de “expulsar aos nenos” do centro educativo, busque actuar do mesmo xeito con “os alumnos do centro de formación do profesorado”.