Veciños da rúa Ceboleira de Vigo rexistraron na sede olívica da Deputación de Pontevedra as “case 600” firmas que recolleron para esixir que a Administración termine de arranxar esta vía provincial que “leva meses esnaquizada polas obras”.
Así o comunicou o Partido Popular, despois de que os deputados Alfonso Marnotes e Jorge Cubela, xunto ao concelleiro Jesús Marco González, acompañasen este luns a presentar as firmas aos veciños desta rúa, que están a sufrir “graves trastornos”por esta situación.
“É unha rúa moi transitada porque comunica O Calvario con Avenida do Alcalde de Lavadores, e nin o Concello nin a Deputación fixeron nada”, denunciou Marnotes, que asegurou que “os veciños están fartos”, ao que se suma a xeración de tráfico e os cambios de ruta dos autobuses urbanos.
O presidente da asociación de veciños As Fontes-Vilar-Lavadores lamentou que as administracións non lles “fan caso”, ao que a veciña Bibiana Alonso engadiu que levan “así tres meses”. “Na nosa rúa, os tubos da auga e do gas están ao aire e é deprimente”, rematou.