Caballero: “Xa verán como dentro de dous anos hai Marisquiño en Vigo, se é que este ano marcha”

Xustifica a redución de axudas ao Mariquiño porque estaría "diminuído" e a Xunta aclara que aínda estaba abordando as axudas que lle darían ao festival.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desligouse da marcha do festival do Marisquiño da cidade e xustificou a redución de axudas municipais ao evento porque, debido á situación sanitaria do covid-19, “non se vai a poder celebrar en condicións normais” senón que será un acto “diminuído”.

Así respondeu a preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa este luns, na que, tras manifestar o seu “entusiasmo” co festival, adiantou que este non vai ser “un verán normal”, senón que “vai haber algunhas restricións e, por tanto, non se vai a poder celebrar O Marisquiño en condicións normais”.

Neste sentido, apuntou que o evento “non se ía a poder celebrar asistencialmente senón en streaming, e por tanto ía ser un Marisquiño diminuído”. “Por tanto, os fondos públicos téñense que administrar de acordo coa envergadura do que se vai a celebrar”, insistiu Caballero.

Segundo explicou, “a propia normativa non deixa” aplicar grandes cantidades de recursos “a celebracións que van estar moi diminuídas”. “Dio o interventor do concello, que é o que fai cumprir a lei”, aseverou, insistindo en que “a lei non permite que a achega sexa igual se o evento se celebra en circunstancias complicadas e non totalmente normalizadas”.

A pesar de todo o anterior, recalcou que non descarta “aumentar a achega” para celebrar este evento no verán de 2022, cando prevé que haxa “un escenario distinto” en materia de sanidade. “A miña vocación é manter O Marisquiño aquí e mantelo nos orzamentos: xa verán como dentro de dous anos hai Marisquiño en Vigo, se é que este ano marcha”, rematou.

En canto ao traslado, o rexedor apuntou que a organización xa decidira previamente levar a Barcelona unha das probas, en concreto a de ‘Dirt Jump’, xa que as instalacións do Porto de Vigo onde se celebraba “non están dispoñibles”. Respecto desta proba, Caballero manifestou que esta decisión foi tomada pola organización “con independencia do apoio do Concello, ao non ter espazo no Porto”. “Non ten que ver coa pandemia nin o concello”, finalizou.

APOIO DA XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, indicou noutro acto que a Administración autonómica trasladou á organización do Marisquiño que “este ano e o que vén” a súa achega sería igual ou mesmo maior, aínda que necesitaba tempo “para concretar a cantidade” ao haber un “panorama moi cambiante” coa pandemia.

En declaracións aos medios, tras indicar que “lamentaría” que o festival “marchara” de Galicia, insistiu en que a Xunta “sempre” comunicou á organización do festival “que este ano e o que vén, especialmente polo Xacobeo, o compromiso íase a reforzar con respecto ao dos últimos anos”.

“Pero para concretar a axuda necesitamos saber perspectivas e condicións nas que se pode desenvolver o evento”, profundou, apuntando que “cando empece a desescalada poderase ir sabendo como se van a desenvolver os grandes actos”.