Desconvocada a folga dos bombeiros de Vigo logo de ano e medio buscando un acordo co goberno local

Os bombeiros declaran que en todo caso, lograron o seu obxectivo porque as súas demandas foron recoñecidas e "reforzadas" pola xustiza.

Representantes do comité de folga dos bombeiros de Vigo, ante a entrada principal do Concello olívico.

O comité de folga dos bombeiros de Vigo, integrado polos sindicatos CIG, CC.OO. e CUT, anunciou este venres a desconvocatoria da folga indefinida que mantiñan desde agosto de 2019 para reclamar máis persoal e melloras nas condicións deste servizo, un “xesto de boa vontade” para demostrar ao goberno local que seguen “abertos ao diálogo” e para urxir un acordo que poña fin ás súas “condicións de traballo esclavistas”.

O portavoz do comité, Miguel Uclés, explicou que esta decisión supón dar un paso desde o colectivo de bombeiros, que segue reclamando que se executen, por parte do Concello, as sentenzas firmes que dan a razón aos traballadores, e que pon de manifesto a falta de persoal. De feito, as resolucións xudiciais declararon ilegal o decreto de servizos mínimos de bombeiros, porque o número de efectivos coincidían co dos servizos ordinarios.

Nese sentido, Uclés sinalou que prevé que, en próximos días, o Concello teña que tomar “decisións” para executar esas sentenzas, e urxiu ao goberno local a sentar para chegar a un acordo, porque a falta de persoal “pon en perigo a seguridade” da propia cidade.

Segundo explicou, o goberno local debe garantir os descansos do persoal e compensar con descansos as “gardas esclavistas” que deben realizar estes funcionarios, obrigados por un decreto tombado polos tribunais. “Ante a falta dramática de persoal, terán que explicarlle ao xuíz como pensan facelo”, apuntou o portavoz do comité de folga.

FALTA DE PERSOAL

Coa desconvocatoria da folga os bombeiros pretenden desbloquear o conflito, e advertiron de que, en todo caso, lograron o seu obxectivo porque as súas demandas foron recoñecidas e “reforzadas” pola xustiza. A estas alturas, indicou Miguel Uclés, “a falta de bombeiros na cidade xa é recoñecida por todos, incluído o alcalde”.

Así, lembrou que Vigo, pola súa magnitude, debería contar con 27 efectivos de garda cada día, e a media é da metade, á vez que incidiu en que, aínda que o Concello iniciou o proceso para incorporar novos bombeiros, entre tanto, “cada día que pasa sen bombeiros é unha realidade que hai que resolver inmediatamente”.

En todo caso, e aínda que a folga indefinida foi desconvocada, o comité de folga precisou que os bombeiros da cidade “seguen mobilizados” para reivindicar melloras no servizo.

Finalmente, e cuestionado polos medios acerca da demanda presentada pola vía penal contra o alcalde e outros responsables municipais, Miguel Uclés sinalou que ese proceso “se mantén”.