InicioSociedadeAECT Río Miño acudirá á Comisión Europea mentres anuncia novas mobilizacións para...

AECT Río Miño acudirá á Comisión Europea mentres anuncia novas mobilizacións para esixir a reapertura total da fronteira

"Imos remitir un comunicado e pedir auxilio --á Comisión Europea-- para que interceda ante os Estados", manifestou o vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, que neste sentido insistiu en que o que piden é "a apertura de todos os pasos 24 horas".

PUBLICADO O

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) acudirá á Comisión Europea e organizará novas accións simbólicas de mobilización social para esixir a reapertura inmediata “na súa totalidade e con horario pleno” da fronteira entre os municipios galegos e Portugal.

Así o determinaron os 26 alcaldes e alcaldesas da área nunha reunión celebrada na mañá deste luns, na que acordaron elevar á Comisión Europea “a situación de desamparo das persoas traballadoras e das empresas” na que cualificaron como “a fronteira máis dinámica de toda Europa”.

“Imos remitir un comunicado e pedir auxilio –á Comisión Europea– para que interceda ante os Estados”, manifestou o vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, que neste sentido insistiu en que o que piden é “a apertura de todos os pasos 24 horas cos controis sanitarios necesarios e só para as persoas que están autorizadas: traballadoras, transportistas…”.

No mesmo contexto, Benítez informou de que a agrupación manterá unha reunión de urxencia co ministro de Administración Interna de Portugal, Eduardo Cabrita, para instarlle a revogar a situación, xa que “ata agora o país veciño foi o que mostrou as maiores reticencias á apertura de novos pasos autorizados na ‘raia'”.

No relativo ás mobilizacións, o vicedirector incidiu en que os afectados por estes cortes están “moi exaltados”, por iso, indicou que a AECT mediará “ante medidas máis drásticas e contendo o malestar”, aínda que anunciou accións simbólicas de mobilización porque “a este territorio do Miño non o poden ningunear”.

Finalmente, a agrupación tamén avanzou que reclamará compensacións económicas para os ao redor de 6.000 traballadores afectados “en tempo e diñeiro” polo peche das fronteiras; e reivindicará unha maior coordinación entre os Estados e entre estes con os municipios afectados.

REUNIÓN

Este encontro entre os alcaldes do AECT Río Miño xurdiu tras publicación do despacho polo Ministerio da Administración Interna do Goberno de Portugal que mantén a Ponte Internacional de Tui-Valença como o único punto de paso autorizado durante 24 horas, coa novidade da apertura parcial da ponche Arbo-Melgaço, tres horas pola mañá e tres horas pola tarde, ampliando ese mesmo horario parcial en Salvaterra-Monção.

Os mandatarios de ambas as marxes do río Miño asumen de maneira unánime as dificultades froito da pandemia Covid-19 e a necesidade dunha actuación eficaz para o seu combate, pero subliñan que a apertura de todos os pasos “en nada contradí o obxectivo de salvagardar a saúde pública”.

Benítez remarcou que “non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos, senón só razóns nada claras que toman gobernos desde a distancia e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” a Madrid e a Lisboa “tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...