InicioSociedadeOs atrancos para poñer unha denuncia en galego nunha comisaría de Vigo...

Os atrancos para poñer unha denuncia en galego nunha comisaría de Vigo chegan ao Congreso

O BNG propón impartir aulas de galego aos policías e gardas civís de Galicia. A petición chega tralas dificultades dunha avogada para denunciar en galego nunha comisaría da cidade olívica.

PUBLICADO O

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de propoñer que se imparta formación lingüística en galego aos axentes de policía e Guardia Civil destinados en Galicia “co obxectivo de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía”. A chamada de atención de Rego, que lanzou estar proposición no Congreso con vistas a poder realizar todo tipo de trámites en galego, chega trala denuncia a través de redes sociais dunha veciña de Vigo que denunciou dificultades para poder interpoñer unha denuncia en galego.

“Tal e como relatou a denunciante, cando chegou ás dependencias da Policía tivo que reiterar até tres veces o seu desexo de formalizar a denuncia en galego”, explican dende o BNG. “O axente aseguroulle que non podía atender a súa petición posto que a aplicación informática só está dispoñíbel en español, convidándoa a redactar ela mesma a denuncia a través da páxina web. Despois de varios minutos de discusión, o superior ao mando indicoulle ao axente que lle tomase as declaracións en galego, mais dando a entender que ao se presentar nesa lingua a denuncia tería menos posibilidades de ser tida en consideración”.

O caso da avogada Elsa Quintas, que relatou en Twitter as dificultades sufridas para levar adiante este trámite, déixase sentir así nos corredores de Madrid trala iniciativa do BNG, que demandou ao goberno de Sánchez unha actualización dos programas e plataformas de tramitación de denuncias e formularios peza chave da denuncia da referida avogada.

“NON SE TRATA DUN CASO ILLADO”

O obxectivo da reforma proposta por Rego iría dirixido a que tales formularios “estean dispoñíbeis en calquera das linguas oficiais do Estado español e mesmo que os axentes destinados ofrezan esa posibilidade á cidadanía”. “Non se trata dun caso illado, senón que esta situación é o habitual, trátase da norma xeral e non unha excepción. Os programas informáticos só están dispoñíbeis en español, os axentes non preguntan en que lingua queren que se redacte a denuncia” explica Rego.

Ante estas circunstancias, o BNG anuncia que vén de solicitar ao Ministerio de Interior, do que dependen as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que envíe as “instrucións precisas para que as e os axentes destinados en territorios con varias linguas oficiais ofrezan a posibilidade de realizar os trámites que deban cursarse en dependencias policiais na lingua da súa elección”. “Ten que darse a formación adecuada para que todos os e as axentes destinados nun territorio con varias linguas oficiais logren a competencia necesaria no uso oral e escrito  delas para así garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía” destacou Néstor Rego.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...