InicioPolíticaAcusan ao Concello de Vigo de petender "invisibilizar" á oposición co novo...

Acusan ao Concello de Vigo de petender “invisibilizar” á oposición co novo regulamento do Pleno

O portavoz do PP local, Alfonso Marnotes, segundo denunciou, o goberno local promove esta nova reforma normativa porque "gañan as votacións pero perden os debates" nos plenos pola súa falta de xestión e argumentos.

PUBLICADO O

Os partidos da oposición na corporación municipal de Vigo criticaron a reforma do regulamento do Pleno exposta polo goberno de Abel Caballero, por pretender “invisibilizar” a súa acción política e reducir a súa capacidade fiscalizadora da acción do goberno local.

Así, todos os partidos presentaron emendas á proposta e mesmo o PP presentou a súa propia alternativa de regulamento, segundo informou este mércores en rolda de prensa o portavoz do grupo ‘popular’, Alfonso Marnotes.

Segundo denunciou, o goberno local promove esta nova reforma normativa porque “gañan as votacións pero perden os debates” nos plenos pola súa falta de xestión e argumentos.

“A Abel Caballero non lle chega con marcharse dos plenos aos 20 minutos, ou co esperpento de que o seu grupo presente mocións de control á oposición…agora fai unha manobra covarde para calar á oposición e colapsar o pleno con intervencións do seu grupo“, criticou, e lamentou que as sesións xa se converteron en “plenos de inquebrantable adhesión á súa excelencia que vén, recibe o aplauso e vaise, plenos nos que só falan 4 concelleiros do goberno, que len o argumentario do alcalde e apláudense entre eles”.

Por iso, os ‘populares’ propuxeron un regulamento alternativo, fronte á intención de Caballero de acudir aos plenos “dopado” e “coas cartas marcadas”. Entre as cuestións que reclaman está a celebración das sesións no auditorio, con espazo para público en condicións de seguridade; emisión en directo e acceso a un arquivo audiovisual das sesións; “tempos equitatitos e quendas lóxicas” nas intervencións; repartición equilibrada das mocións; ou unha comisión de seguimento das concesionarias que funcione de forma efectiva.

MAREA E BNG

Pola súa banda, Marea de Vigo tamén presentou emendas á proposta de reforma do regulamento para reclamar medidas de transparencia e calidade democrática, como o establecemento dun “escano cidadán”, a posibilidade de que se poidan constituír grupos municipais con menos de tres edís; ou facilidade para que a oposición fiscalice o labor do goberno. Respecto diso, criticou que, por exemplo, o goberno local “se reserva para si mesmo” nos plenos rogos e preguntas que logo non formula, algo “ridículo”.

Marea tamén reclama que se revise a norma de que as mocións pasen previamente por comisión informativa e estean presentadas cando se reúna a xunta de portavoces, algo que “incumpre sistematicamente” o grupo de goberno.

Outra das propostas que fai esta formación é que se facilite a emisión das sesións, a súa gravación, ou que non se impida ao público asistente portar carteis ou pancartas.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, deu a coñecer este mércores as súas emendas á proposta de novo regulamento e, aínda que admitiu a necesidade de adecuar a normativa á nova “realidade”, expresou o seu rexeitamento frontal á “autoenmenda” do alcalde, “coa que pretende duplicar as quendas de intervención do PSOE” (o goberno propón que, cando un concelleiro do goberno interveña no pleno, haxa unha intervención para cada grupo da oposición e, a maiores, outra do grupo socialista).

“Caballero pretende coar ‘de rondón’ unha dopaxe política, para converter os plenos nun monólogo do PSOE e do alcalde”, denunciou e explicou que, de aprobarse a nova norma, daríase o caso de que o PSOE podería usar 13 minutos nas súas quendas, fronte aos dous minutos cos que contaría el (o que menos tempo de intervención ten, por ser o único concelleiro do BNG).

Pérez Igrexas tamén criticou que o goberno local pretende “afogar” á oposición, impedindo o seu labor fiscalizador, co fin de “invisibilizar a pluralidade política” no pleno. Fronte a isto, propuxo medidas para facilitar o acceso dos concelleiros aos expedientes, maior participación cidadá e do tecido asociativo, o recoñecemento dos grupos municipais á marxe do número de edís, ou unha repartición equilibrada das mocións, rogos e preguntas, entre outras medidas.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...