InicioSociedadeA estación intermodal de Vigo estará rematada a finais deste ano

A estación intermodal de Vigo estará rematada a finais deste ano

En marzo empezará a demolición da estación provisional de Urzáiz para deixar espazo á nova obra.

PUBLICADO O

As obras da estación intermodal de Vigo atópanse ao 45 por cento da súa execución e está previsto que o próximo 1 de marzo arrinque a demolición da estación ferroviaria provisional de Urzáiz, co que a Xunta mantén o obxectivo de terminar a estación intermodal de Vigo a finais deste mesmo ano. Así o comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante unha visita este martes ás obras da nova estación intermodal, que se espera que capte uns dous millóns de viaxeiros anuais e acolla 500 expedicións diarias.

A conselleira remarcou que as obras da estación van “a moi bo ritmo a pesar do atraso por parte de Adif para a firma do convenio dos accesos”, e indicou que nelas están a traballar unhas 10 máquinas e 25 operarios. “A finais de febreiro está previsto trasladar a actividade da actual estación ferroviaria ao centro Vialia e o 1 de marzo iniciaremos a demolición da estación ferroviaria provisional“, remarcou a conselleira.

Neste marco, puxo en valor os “avances significativos neste proxecto dunha nova estación de autobuses máis céntrica e funcional que permitirá o fomento do transporte público e un cambio de bus e tren áxil, cómodo e seguro e que albergará ese gran centro comercial Vialia”.

A ESTACIÓN

O arquitecto encargado da obra indicou que a nova estación de autobuses integrada na estación intermodal de Vigo conta cun investimento total de 18 millóns de euros e unha superficie de 11.000 metros cadrados, dos que 4.300 corresponden a accesos desde a AP-9 e o 6.700 restante á propia terminal de autobuses.

A nova terminal contará con tres dársenas de autobuses e distribuirase en tres plantas: o nivel 0 para a estación de buses, o nivel menos 1 para o edificio de viaxeiros e a nova saída de Vigo e o nivel menos 2 para o acceso de vehículos desde a autoestrada cara ao aparcadoiro da estación e o centro comercial.

Acerca da demolición da estación ferroviaria provisional, o arquitecto comentou que a previsión era realizala en dous meses pero esperan acabar “nun mes”, posto que lles “estorba” para continuar as obras da estación intermodal.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...