Deteñen en Vigo cando conducía sen carné un home cunha orde pendente de ingreso en prisión por abusos sexuais

O detido, residente en Soutomaior, vivía en situación irregular en España desde 2012.

Coche da Policía Nacional / Europa Press.

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un home de 48 anos de idade, de nacionalidade brasileira e con domicilio en Soutomaior, por un suposto delito contra a seguridade do tráfico, e do que comprobaron, tras identificalo, que tiña en vigor unha orde de busca e ingreso en prisión por abusos sexuais.

Segundo informaron fontes policiais, a detención produciuse o pasado mércores pola tarde durante un control enmarcado no dispositivo despecial de prevención de roubos en vivendas. Unha dotación do 091 observou unha furgoneta sospeitosa circulando pola N-550 e avisou a outros indicativos.

O vehículo foi interceptado na Avenida de Santa Mariña e, ao identificar o condutor, os axentes comprobaron que carecía de carné. Ademais, o home mostrou aos funcionarios unha documentación non válida, xa que se trataba dunha fotocopia en cor.

Ao indagar nas bases de datos, a Policía corroborou que este home se atopaba en España en situación irregular desde 2012, e tamén constataron que sobre el pesaba unha orde xudicial de procura, detención e ingreso en prisión, ditada en febreiro de 2020, por un delito de abusos sexuais.

Por todo iso, o home foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten varios antecedentes policiais. O detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución de garda.